Entrevista a Jorge Pérez-Juste, IP, e a Gustavo Bodelon, investigador posdoutoral do grupo de Química Coloidal

 

“A calidade e o impacto da nosa produción científica é o noso principal aval como grupo de investigación de elite”

O grupo de Química Coloidal formouse en 1996, ao pouco de que se abrira a Facultade de Química da Universidade de Vigo.

Actualmente integrado no Centro de Investigacións Biomédicas CINBIO, o grupo está formado por 10 investigadores, fundamentalmente químicos e os seus Investigadores Principais son Jorge Pérez-Juste e Isabel Pastoriza. A súa investigación céntrase na síntese, caracterización e as súas aplicacións nas nanopartículas metálicas.

Pola súa parte, Gustavo Bodelón, biólogo molecular e investigador posdoutoral no grupo, aporta un enfoque biolóxico e centra a súa investigación nas partículas coloidais plasmónicas e as súas aplicacións para o diagnóstico e biodetección.

Que proxectos de investigación en activo destacarías dos realizados polo grupo de Química Coloidal?

Jorge Pérez-Juste (J.P.J): Actualmente contamos con dous proxectos de investigación activos do MINECO: un deles, liderado por Isabel Pastoriza Santos e por min referido ás Ensamblaxes xerárquicas 3D de nanoparticulas mediados por plataformas de microfluídica para aplicacións avanzadas en catálisis e detección, dentro do Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade; e outro, dentro dos Proxectos «Explora Ciencia» e «Explora Tecnología» 2015, referido ás Nanolámparas para modulación inducida por luz de función celular, liderado por Isabel Pastoriza.

 

Cales son os indicadores principais do voso grupo?

J.P.J: O indicador máis destacado do noso grupo é o impacto da nosa produción científica. En 2016 realizamos 10 publicacións, das cales 6 de elas atópanse no primeiro decil e 9 delas no primeiro cuartil, en revistas como Nature Materials (índice de impacto: 36,503), en Nano Letters (índice de impacto: 13,799) ou en Journal of the American Chemical Society (índice de impacto: 13,038).

Ademais, Isabel Pastoriza cun índice H53 e Jorge Pérez Juste con un índice H51 (fonte: Scopus),outro indicador máis da nosa calidade en canto a produción científica se refire.

 

Conseguistes resultados de investigación con potencial de transferencia?

 Gustavo Bodelon (G.B): Precisamente acabamos de publicar en Nature Materials, unha das revistas con maior índice de impacto, un novo artigo sobre o emprego de nanomateriais para a detección de moléculas de comunicación bacteriana, un fenómeno chamado quorum sensing e que pode ter un gran impacto sobre o diagnóstico e prevención de enfermidades de orixe bacteriano.

 

En que redes de colaboración participa o grupo actualmente?

J.P.J y G.B: O Grupo de Química Coloidal colabora xunto a outros grupos de CINBIO-Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Novoa Santos, o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), a Universidade do Minho, a Universidade Católica Portuguesa, o Instituto Superior de Enxeñería e o Instituto de Enxeñería Biomédica (INEB) da Universidade do Porto no Instituto de Bioenxeñería en Rede para  Envellecemento Saudable (IBEROS).

Este proxecto de cooperación transfronteiriza (financiado pola última convocatoria do Programa POCTEP) ten como obxectivo principal potenciar unha investigación interdisciplinar no que xerar novo coñecemento e innovación axuntando campos como a nanomedicina, a enxeñería de tecidos, etc. no ámbito da saúde e dos cales os resultados contribúan a mellorar a calidade de vida e a saúde da poboación, con especial foco nas enfermidades asociadas ao envellecemento.

Así mesmo, pertencemos á Rede Galega de Nanomedicina que aglutina ós principais grupos de investigación do SUG e dos organismos públicos de investigación en Galicia.