Begoña Puértolas – Coñece ao #teamCINBIO

(Inclúe vídeo)

Continuando coa perspectiva de mellora e crecemento que estamos seguindo desde os últimos meses no CINBIO, apostamos polo capital humano para o futuro da investigación. Con este fin, recentemente incorporamos a unha nova investigadora principal junior (IP junior) ao noso centro: Begoña Puértolas. Esta nova contratación foi posible grazas ao cofinanciamento dos fondos FEDER dos que o CINBIO está a beneficiarse como centro singular dentro deste período 2019-2022.

A doutora Puértolas é licenciada en Enxeñería química con especialidade en Enxeñería dos procesos químicos (2009), ao que se lle engade un mestrado en Enerxías renovables e eficiencia enerxética (2010), ambos pola Universidade de Zaragoza. Posteriormente, foi no mesmo centro onde seguiu o Programa de doutoramento en enerxías renovables, obtendo o título de doutora cunha cualificación cum laude no ano 2014.

Nos últimos anos, esta investigadora estivo traballando no Instituto de Carboquímica de Zaragoza (CSIC), na Cardiff University e na ETH Zurich (Suiza). Neste último empregou os pasados seis anos (2014-2020) traballando como investigadora posdoutoral dentro do departamento de química e biociencias aplicadas.

En xeral, o traballo da doutora Puértolas céntrase no desenvolvemento de tecnoloxías quimiocatalíticas para a valorización de renovables a químicos e combustibles. Concretamente, dentro do CINBIO vai enfocarse na enerxía de catálise heteroxénea para tecnoloxías sustentables.

Se queres ter máis información sobre o traballo desta investigadora podes atopala no seguinte vídeo ⬇️⬇️⬇️⬇️⬇️

 

Juan Pérez Fernández – Coñece ao #teamCINBIO

(Inclúe vídeo)

Este ano, o CINBIO está sendo beneficiario dos fondos FEDER, aproveitando boa parte da dotación económica recibida en forma de capital humano. Por iso realizouse un proceso de contratación de novos investigadores e investigadoras que poidan aportar a súa visión ao centro. Así, hoxe queremos presentar a un novo investigador Ramón y Cajal: Juan Pérez Fernández.

O doutor Pérez Fernández licenciouse en Bioloxía no ano 2007 na Universidade de Vigo e posteriormente realizou o mestrado interuniversitario de Neurociencia (Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Coruña). No ano 2013 acadou  o título de doutor cunha tese cum laude na Universidade de Vigo, e ese mesmo ano comeza en Suecia o seu postdoc no departamento de Neurociencia do Instituto Karolinska.

Ao rematalo, acada una Starting Grant do Consello de Investigación Sueco (Vetenskapradet) no ano 2019 para comezar o seu propio grupo de investigación no Instituto Karolinska como Assistant Professor. A finais dese mesmo ano acada unha axuda Ramón y Cajal e decide regresar á Universidade de Vigo, rematando prematuramente o proxecto acadado en Suecia e uníndose ao CINBIO a mediados do 2020.

As súas investigacións están centradas arredor do sistema nervioso, utilizando como base de estudo a lamprea (o vertebrado vivo máis antigo) dada a súa similitude co cerebro dos mamíferos, incluíndo humanos. Actualmente, nos seus estudos trata de analizar os circuítos que controlan os diferentes tipos de movementos oculares a través do desenvolvemento de plataformas que permiten rexistros electrofisiolóxicos.

Se queres coñecer máis en profundidade o traballo que está a levar a cabo dentro do CINBIO e cales son os seus proxectos de futuro, animámoste a ver o seguinte vídeo

⬇️ ⬇️ ⬇️ ⬇️ ⬇️ ⬇️

Lucas Vázquez Besteiro – Coñece ao #teamCINBIO

LUCAS VÁZQUEZ BESTEIRO, NOVO IP JUNIOR

(Inclúe vídeo)

O CINBIO, cofinanciado con fondos FEDER, aposta pola contratación de investigadores/as con talento que poidan aportar unha nova perspectiva ás nosas investigacións. Nesta liña, queremos presentar a unha das nosas últimas incorporacións como IP junior: Lucas Vázquez Besteiro.

O doutor Vázquez Besteiro licenciouse en Física no 2008 pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e despois obtivo un mestrado en Ciencia de materiais na mesma entidade no ano 2010. Ese mesmo ano, comezou o programa de doutoramento na USC, obtendo o título de doutor cunha tese cum laude no 2014. Ademais, entre 2012 e 2015 completou un mestrado en Física de sistemas complexos pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

En canto ao súa traxectoria laboral, no 2014 incorporouse como investigador posdoutoral ao departamento de Física e astronomía da Universidade de Ohio en Estados Unidos. A partir de 2017 comezou a traballar como investigador posdoutoral no Institut National de la Recherche Scientifique de Québec (Canadá), dentro do departamento de Enerxía, materiais e telecomunicacións e no Institute of Fundamental and Frontier Science (IFFS) na University of Electronic Science and Technology de China. Este traballo estendeuse ata 2020, momento no que se incorpora ao CINBIO como IP junior.

Actualmente, a súa investigación céntrase no campo da plasmónica. Segundo este doutor os sistemas plasmónicos son relevantes nun amplo campo na investigación dentro da nanofotónica e foron utilizados en diversas aplicacións, incluíndo a creación de metamateriais con propiedades ópticas exóticas e foto-detectores, mellorando a detección molecular, foto-quecemento en contextos como a purificación da auga ou medicina, a sensibilización de sistemas foto-voltaicos e foto-catalíticos, entre outros.

Se queres saber máis da súa traxectoria e dos seus obxectivos dentro do CINBIO, convidámoste a ver o seguinte vídeo.
⬇️⬇️⬇️⬇️⬇️⬇️

Entrevista con David Posada. Grupo Xenómica Evolutiva .

Doutor en Zooloxía, catedrático de Xenética da Universidade de Vigo e coordinador do Grupo de Xenómica Evolutiva (XB5) do CINBIO, David Posada González, é o único investigador galego que conseguiu unha Consolidator Grant (2013), promovida polo Consello Europeo de Investigación (ERC). En 2003 xa recibiu unha bolsa Ramón e Cajal, e en 2007 acadou unha Starting Grant, tamén do ERC. Ademáis, conta coa distinción de científico altamente citado (ISI Highly Cited Researcher) segundo Thomson Reuters desde 2003.

Unha das liñas de investigación do voso grupo, e pola que o ERC che concedeu unha Consolidator Grant, céntrase na creación dun marco teórico e metodolóxico que permita unha mellor comprensión da evolución das células tumorais cancerosas. Que resultados esperades conseguir neste ámbito?

PHYLOCANCER é un ambicioso proxecto a 5 anos con 2 obxectivos claros: por un lado a posta a punto de técnicas para o estudo de xenomas individuais en células tumorais individuais, así como o desenvolvemento de metodoloxías bioinformáticas propias para a análise masiva de datos xenómicos e por outro a xeración de coñecemento sobre os parámetros evolutivos da vida dun tumor, a súa historia e como se desenvolven as súas características (metástase, taxa de crecemento, etc) en cada doente individual.

Ler máis

Entrevista a Francisco Javier Rodríguez Berrocal. Biomarcadores Moleculares.

Francisco Javier Rodríguez Berrocal é catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular e secretario do departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Ademáis, é o investigador principal do grupo de Biomarcadores Moleculares (BB1) do CINBIO.

O grupo BB1 é multidisciplinar e nel englóbanse 3 equipos de traballo: Bioquímica de Proteínas, Glicoproteómica e Xenética humana. A pesar desta composición, comparten un obxectivo común: achar novos marcadores xenéticos, proteicos ou glicídicos, con vistas á súa posible aplicación en distintas patoloxías humanas.

Cales son as principais liñas de investigación na que estades a traballar o grupo, por separado e en conxunto?

Os tres grupos traballamos na utilización e desenvolvemento de moléculas biolóxicas como marcadores de diagnóstico, prognóstico ou seguimento de enfermidades humanas e animais. Aplicámolos nun rango moi amplo de enfermidades, como o que vai dende enfermidades tan prevalentes como o cancro ata enfermidades raras, como as ciliopatías. Ler máis

Entrevista a Jacobo de Uña-Álvarez, IP do grupo de investigación SIDOR (Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa)

“O noso nivel de internacionalización é moi elevado, con colaboradores en institucións de prestixio dos cinco continentes”

Jacobo de Uña- Álvarez, Doutor en Matemáticas, coordina o grupo de investigación SIDOR (Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa); grupo creado en 1998 na Universidade de Vigo e especializado en modelos e métodos estatísticos. Cun equipo conformado con máis de 30 investigadores, SIDOR, foi recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia dende 2008.

Cales son as principais liñas de investigación do voso grupo e que abordaxe diferencial plantexades en comparación con outros grupos similares? Cales son os vosos principais valores engadidos como grupo de investigación? (ex. Multidisplinaridade do equipo, redes de colaboración establecidas, etc)

O grupo SIDOR fai investigación básica na área de Estatística e Investigación Operativa. Dentro da bioestatística, as nosas principais liñas de investigación son: a análise de supervivencia e os modelos multi-estado; a avaliación de probas diagnósticas e pronósticas; regresión e predición en datos de alta dimensión e datos ómicos; e os métodos de comparacións múltiples.

SIDOR é o único grupo de investigación con estas capacidades na zona sur de Galicia. Ler máis

Entrevista a Florentino Fernández Riverola, IP do Grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING)

“Temos a capacidade de abordar problemas complexos e traballar en equipos onde resulta fundamental a coordinación de profesionais pertencentes a distintos ámbitos de coñecemento”

Florentino Fdez-Riverola é doutor en Enxeñería Informática e membro do Departamento de Informática da Universidade de Vigo, dende onde lidera o Grupo de Investigación en Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), un grupo multidisciplinar que se focaliza na investigación e desenvolvemento de novas metodoloxías e aplicacións computacionais.

  Ler máis

Entrevista a Jorge Pérez-Juste, IP, e a Gustavo Bodelon, investigador posdoutoral do grupo de Química Coloidal

 

“A calidade e o impacto da nosa produción científica é o noso principal aval como grupo de investigación de elite”

O grupo de Química Coloidal formouse en 1996, ao pouco de que se abrira a Facultade de Química da Universidade de Vigo.

Actualmente integrado no Centro de Investigacións Biomédicas CINBIO, o grupo está formado por 10 investigadores, fundamentalmente químicos e os seus Investigadores Principais son Jorge Pérez-Juste e Isabel Pastoriza. A súa investigación céntrase na síntese, caracterización e as súas aplicacións nas nanopartículas metálicas.

Pola súa parte, Gustavo Bodelón, biólogo molecular e investigador posdoutoral no grupo, aporta un enfoque biolóxico e centra a súa investigación nas partículas coloidais plasmónicas e as súas aplicacións para o diagnóstico e biodetección.

Ler máis

Entrevista con José Antonio Lamas, IP do grupo de Neurociencias do CINBIO

“Somos o único grupo de investigación en toda Galicia que emprega a técnica patch clamp para o estudo de canais iónicos”. 

Doutor en Bioloxía e profesor titular da Universidade de Vigo, José Antonio Lamas comezou no grupo de Neurociencias no ano 1997 na Facultade de Bioloxía da universidade. O pasado ano, o grupo trasladou a súa actividade ás instalacións do CINBIO dende onde leva actualmente a cabo a súa labor investigadora.

Ler máis

Entrevista con José Tubio, IP do grupo Mobile Genomics

“O estudo da mobilidade do xenoma nos procesos oncoxénicos revolucionará o diagnóstico e tratamento futuro do cancro” 

Incorporado á Universidade de Vigo dende 2016, José Tubio é un dos investigadores máis relevantes do CINBIO. Formado en Bioinformática e Bioloxía Molecular, membro do Consorcio Internacional do Cancro e posuidor dunha ERC Starting Grant, lidera o grupo de investigación “Mobile Genomics” dende onde coordina a investigación sobre como determinadas secuencias de ADN ou células tumorais mobilízanse e acaban provocando o desenvolvemento de distintos tipos de cancro. Xunto ao equipo do grupo Filogenomics, liderado por David Posada, forman o grupo de investigación Evogenomics, que conta actualmente cun equipo dunhas 20 persoas, das cales 9 forman parte do equipo de Mobile Genomics. Este equipo é altamente multidisciplinar, atopando bioinformáticos, matemáticos, patólogos… conformando un equipo equilibrado entre a área computacional e a área de bioloxía molecular.

Ler máis

1 2