Entrevista con David Posada. Grupo Xenómica Evolutiva .

Doutor en Zooloxía, catedrático de Xenética da Universidade de Vigo e coordinador do Grupo de Xenómica Evolutiva (XB5) do CINBIO, David Posada González, é o único investigador galego que conseguiu unha Consolidator Grant (2013), promovida polo Consello Europeo de Investigación (ERC). En 2003 xa recibiu unha bolsa Ramón e Cajal, e en 2007 acadou unha Starting Grant, tamén do ERC. Ademáis, conta coa distinción de científico altamente citado (ISI Highly Cited Researcher) segundo Thomson Reuters desde 2003.

Unha das liñas de investigación do voso grupo, e pola que o ERC che concedeu unha Consolidator Grant, céntrase na creación dun marco teórico e metodolóxico que permita unha mellor comprensión da evolución das células tumorais cancerosas. Que resultados esperades conseguir neste ámbito?

PHYLOCANCER é un ambicioso proxecto a 5 anos con 2 obxectivos claros: por un lado a posta a punto de técnicas para o estudo de xenomas individuais en células tumorais individuais, así como o desenvolvemento de metodoloxías bioinformáticas propias para a análise masiva de datos xenómicos e por outro a xeración de coñecemento sobre os parámetros evolutivos da vida dun tumor, a súa historia e como se desenvolven as súas características (metástase, taxa de crecemento, etc) en cada doente individual.

Os resultados de PHYLOCANCER, ofrecerán á comunidade científica novas ferramentas computacionales para a análise masiva de datos xenómicos e información sobre a historia evolutiva do cancro que poderá redundar no futuro en melloras sobre o diagnóstico e prognóstico 100% personalizado de doentes con algún tipo de tumor.

 

Trátase dun estudo multidisciplinar no que colaboramos con varios hospitais rexionais (Hospital Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro de Vigo e Complexo Hospitalario-Universitario de Santiago de Compostela) e no que nos focalizamos en dous tipos de cancro: o colorrectal e a leucemia linfocítica crónica.

 

Ademais da concesión da Consolidator Grant polo teu proxecto PHYLOCANCER, en 2007 o ERC concedeuche unha Starting Grant polo proxecto PHYLOGENOM. Cal era o obxecto de estudo neste proxecto e cales son as principais conclusións que destacarías?

PHYLOGENOM baseouse no desenvolvemento dunha metodoloxía xeral de evolución dos xenomas en calquera tipo de organismos sexuais, aqueles que teñen descendencia en base á reprodución entre un macho e unha femia. Este proxecto ofreceunos a oportunidade de desenvolver un coñecemento científico da evolución do ADN neste tipo de organismos, pero sobre todo ferramentas metodolóxicas para medilo e caracterizalo estatisticamente.

 

No voso grupo e nos proxectos de investigación que levades a cabo existe un compoñente moi importante de bioinformática. Nese sentido, desenvolvestes un bo número de aplicacións de uso aberto para a comunidade científica. Cal de todas elas destacarías polo seu valor?

A bioinformática foi clave para a evolución e relevancia do noso grupo de investigación. Desenvolvemos múltiples técnicas e metodoloxías que hoxe se usan por científicos de todo o mundo na súa rutina de análise de datos pero quizais, destacaría ModelTest, que desenvolvín en 1998 durante o meu doutoramento e cuxo artigo descriptivo é hoxe un dos 100 artigos máis citados da historia segundo a revista Nature, con máis de 20.000 citas. ModelTest é unha metodoloxía que, en base a cálculos bioestadísticos, permite a selección do mellor modelo de evolución de ADN para un conxunto de datos científicos e que se converteu nun standard para xustificar o modelo utilizado nos estudos de investigación filogenética.

 

Non cabe dúbida do voso potencial en produción científica, con máis de 130 artigos e moitos deles en publicacións de gran índice de impacto, como Nature. Ademais, é recoñecido como científico altamente citado (ISI Highly Cited Researcher). Como valorades a vosa posición como grupo de investigación a nivel nacional e internacional? Que outro indicador destacarías do voso grupo?

 Sen dúbida, este recoñecemento sitúanos como grupo de excelencia a nivel internacional, pero tamén significa que as metodoloxías que desenvolvemos son útiles e facilitan a investigación en todo o mundo.

 

Este prestixio a nivel internacional, permítenos ser un dos grupos de investigación a nivel rexional con maior capacidade de captación de talento internacional. No noso grupo atoparás investigadores alemáns, suízos, portugueses, etc.

 

Ademáis, outra das claves do noso grupo é a multidisciplinaridade, o cal enriquece enormemente as nosas liñas de investigación con múltiples perspectivas complementarias de coñecemento como son a química, a bioloxía ou a informática.

 

Máis aló do contorno multidisciplinar e facilitador de sinerxias entre grupos de investigación, que vantaxes vos ofrece o CINBIO como grupo? E a ti como investigador?

Sen dúbida, CINBIO é un ecosistema que fortalece o establecemento de sinerxias e colaboracións entre grupos de investigación complementarios facendo que os nosos proxectos poidan chegar a ser máis globais e máis integrais, abarcando un mesmo problema dende distintos ángulos de coñecemento.

 

CINBIO é tamén unha oportunidade de acceso a tecnoloxías de vangarda e de xerar un biopolo de coñecemento que aúne as capacidades de diferentes grupos facéndonos a todos, xuntos, máis competitivos a nivel internacional e permitíndonos asumir proxectos máis arriscados e máis globais.