Entrevista con José Tubio, IP do grupo Mobile Genomics

“O estudo da mobilidade do xenoma nos procesos oncoxénicos revolucionará o diagnóstico e tratamento futuro do cancro” 

Incorporado á Universidade de Vigo dende 2016, José Tubio é un dos investigadores máis relevantes do CINBIO. Formado en Bioinformática e Bioloxía Molecular, membro do Consorcio Internacional do Cancro e posuidor dunha ERC Starting Grant, lidera o grupo de investigación “Mobile Genomics” dende onde coordina a investigación sobre como determinadas secuencias de ADN ou células tumorais mobilízanse e acaban provocando o desenvolvemento de distintos tipos de cancro. Xunto ao equipo do grupo Filogenomics, liderado por David Posada, forman o grupo de investigación Evogenomics, que conta actualmente cun equipo dunhas 20 persoas, das cales 9 forman parte do equipo de Mobile Genomics. Este equipo é altamente multidisciplinar, atopando bioinformáticos, matemáticos, patólogos… conformando un equipo equilibrado entre a área computacional e a área de bioloxía molecular.

Cales son as principais liñas de investigación do grupo “Mobile Genomics”?

Centramos a nosa investigación na xenómica do cancro co propósito de coñecer como evolucionan os xenomas dun cancro dende que este se orixina. Neste senso, a nosa liña de investigación principal céntrase no que se coñece como “ADN móbil”, noutras palabras, todas aquelas partes do noso xenoma que teñen posibilidade de movemento tamén denominadas como “secuencias móbiles”. A mobilización destas secuencias pode provocar que se integren nalgún lugar no que produza unha mutación que sexa a causante dun cancro ou facer que este sexa máis agresivo. Esta investigación desenvólvese no marco do Consorcio Internacional do Cancro, conformado por centos de investigadores pertencentes a varios países.

Outra das nosas liñas de investigación, tamén dentro do Consorcio Internacional do Cancro, é a identificación de novos virus que poden provocar cancro. Para iso, utilizarase a maior base de datos que existe na actualidade de xenómica do cancro cun volume de secuenciación de 3.000 xenomas do cancro e os seus resultados terán implicacións moi importantes a nivel de diagnóstico, prevención e tratamento nos próximos anos.

No marco da ERC Starting Grant, estamos desenvolvendo unha nova liña de investigación, centrada nos cancros transmisibles: células cancerosas que teñen a capacidade de escapar do organismo xurdido, polo que se poden chegar a transmitir dun individuo a outro, nun proceso que reflexa o proceso de metástase, que é o proceso que acaba provocando o 90% das mortes en doentes con cancro. A investigación realízase utilizando como modelo certos bivalvos nos que as células tumorais son capaces de “escapar” do molusco, sobrevivir no mar e infectar a outro molusco.

Os cancros transmisibles actúan do mesmo modo que a metástase, pero en lugar de producirse no corpo dun mesmo individuo, transmítense entre individuos distintos. Esta innovadora liña de investigación pon o foco en determinar que xens son os que fan que un cancro sexa transmisible, como sobrevive ata infectar a un novo individuo, e como pode infectar a ese novo individuo a pesar das barreiras fisiolóxicas do mesmo.

 

Que resultados esperas que se trasladen á sociedade a partir das vosas investigacións?

Sen dúbida, a liña de investigación centrada nos cancros transmisibles entre moluscos xerará diversas patentes que serán de utilidade á industria pesqueira e marisqueira. Así mesmo, no futuro pode ter implicacións importantes para a saúde humana, porque aínda que son esporádicos, existen casos de cancro transmisibles entre humanos.

En canto a nosa liña de investigación en “secuencias móbiles”, identificamos xa algunhas con potencial impacto a nivel de diagnóstico, prevención e tratamentos oncolóxicos.

 

Con que outros grupos de investigación a nivel nacional e internacional mantedes colaboraciones dende o grupo?

 Entre todas as colaboracións que establecemos dende o grupo, destaco a que temos co Sanger Institute, en Cambridge (Reino Unido), parte do Consorcio Internacional do Cancro e un dos referentes mundiais en xenética do cancro.

Por outro lado, participan no proxecto sobre cancros transmisibles en organismos mariños, ademais de outros departamentos da Universidade de Vigo, outros organismos como a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), entre outros.

Así mesmo, dende o grupo de Mobile Genomics tamén colaboramos activamente con outros grupos de investigación do CINBIO, como co xa mencionado grupo de David Posada e esperamos ter pronto colaboracións con outros grupos como o de Inmunoloxía, que lidera África González.

 

Que indicadores destacarías do voso grupo de investigación?

Destacaría principalmente tres indicadores do grupo Evogenomics, dous deles centrados na produción científica e outro no financiamento captado:

O primeiro é o feito que David Posada é un dos investigadores máis citados do mundo e o máis citado en España, o que da moita relevancia ao grupo.

O segundo indicador que caracteriza ao grupo é o feito de que nos últimos 3 anos, o equipo de Mobile Genomics publicou máis de 10 artigos nas revistas Nature e Science.

O terceiro é a captación de financiamento por parte do grupo, e é que nos últimos 3-4 anos conseguimos financiamento europeo por valor de máis de 5 millóns de euros (Posada conta con unha ERC Starting Grant e unha Consolidator Grant, e Tubío cunha ERC Starting Grant).”

  

Por que CINBIO?

 Sen dúbida CINBIO representa unha oportunidade moi boa de colaboración e establecemento de sinerxias con outros grupos; ademáis, fortalece a investigación cunhas infraestruturas e un entorno de coñecemento que, doutro modo, non tería a zona sur de Galicia.

O CINBIO outorga á Universidade de Vigo e a toda a zona de Galicia sur un plus a nivel de investigación biomédica que o fai máis competitivo e visible internacionalmente.