GL EN

Events

Obradoiros Elas Fan CienTec 2025 11 February 2025 CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo

Os obradoiros Elas Fan CienTec, que este ano acadan xa a súa novena edición, celebraranse o propio martes 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e escolas do campus de Vigo para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios.

Nesta ocasión, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, abrirá as súas portas a un grupo de alumnas e 3º e 4º da ESO do IES Santa Irene de Vigo, que poderán experimentar a través de oito obradoiros sobre a encapsulación de fármacos, o procesamento de tecidos e frotis de sangue ou a extracción de ADN de froitas, entre outros.

Todas as actividades ofrecidas no CINBIO están organizadas polas investigadoras dos grupos de NanoBioMateriais Funcionais, TeamNanoTech, Nanomateriais Biomiméticos, Física e Química dos Materiais, Nanomateriais Híbridos, Neurocircuits, Cellcom e do Laboratorio de Enfermidades Raras e dos servizos de apoio do CINBIO, que acompañarán ás 38 rapazas e as súas docentes ao longo do seu percorrido polos diferentes laboratorios do centro entre as 09:30 e as 13:00 horas, tras a benvida a cargo de Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, investigadoras que coordinan a actividade neste centro de investigación.

Os obradoiros Elas Fan CienTec forman parte do amplo programa de actividades do #11Fna UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).