Events
As diferenzas de sexo na prevalencia de enfermidades, na súa manifestación e na resposta ao tratamento teñen a súa orixe nas diferenzas xenéticas entre homes e mulleres. As diferenzas xenéticas entre os sexos comezan na concepción, cando o óvulo se fusiona cun espermatozoide portador dun cromosoma X ou Y, e dá lugar a un embrión portador de cromosomas XX ou XY. Esta diferenza fundamental no complemento cromosómico xera diferenzas sexuais ubicuas na composición molecular de todas as células masculinas e femininas.
O xénero, segundo a definición de Global Health 50/50, refírese ás normas construídas socialmente que impoñen e determinan os roles, as relacións e o poder posicional de todas as persoas ao longo da súa vida. O xénero interactúa co sexo, as características biolóxicas e físicas que definen as mulleres, os homes e as persoas con identidades intersexuais. O xénero non é un termo binario. Inclúe a comprensión de que, en moitas persoas, os trazos de masculinidade ou de feminidade coexisten e se expresan en diferentes graos. Os atributos de xénero son fluídos; máis de dous terzos das mulleres e dos homes manifestan características relacionadas co xénero que tradicionalmente se lle atribúen ao sexo oposto. O xénero é unha variable tan importante coma o sexo biolóxico na saúde humana e inflúe no comportamento das comunidades, do persoal médico e nos e nas pacientes.
A aparición de enfermidades, o seu diagnóstico e o seu tratamento están intimamente relacionados co sexo e co xénero. Algunhas das máis relevantes son as seguintes:
- Enfermidades do corazón
- Cancro
- Enfermidade pulmonar crónica
- Enfermidade de Alzheimer
- Depresión e suicidio
O obxectivo deste ciclo é darlle a coñecer ao público en xeral unha visión científica da estreita relación ente o sexo, o xénero e as enfermidades. Para iso, contactamos con diferentes investigadoras e investigadores con ampla experiencia en investigación e tamén en medicina clínica que afrontan estas cuestións no seu día a día.
PROGRAMA
Luns 6 de xuño
16.30 h Benvida. Personalidades e presentación da xornada. Breve exposición sobre a relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades. Relatoras: Diana Valverde e Paloma Morán. Universidade de Vigo.
17.30 h Enfermidades cardiovasculares. Relatora: María Brión Martínez. Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
18.30 h Cáncer. Relatora: Mónica Martínez Fernández. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
19.30 h Enfermidades pulmonares. Relatoras. Virginia Leiro Fernández. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Martes 7 de xuño
16.30 h Sexo, xénero e trastornos psiquiátricos: unha aproximación xenética. Relator: Xavier Costas Costas. Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
17.30 h Enfermidades neurodexenerativas. Relator: Carlos Spuch Calvar. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
18.30 h Depresión e suicidio. Relatora: Tania Rivera. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
19.30 h Peche. Fin do ciclo de charlas e despedida.
ORGANIZACIÓN
Diana Valverde: catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo e subdirectora do centro de investigación CINBIO.
Paloma Morán: catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo e investigadora do Centro de Investigación Mariña (CIM).
Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
CINBIO
Deputación de Pontevedra