News
A primeira edición da xornada Fundraising inclusivo como forza de cambio social tivo lugar o pasado venres no espazo INCUVI do campus universitario de Vigo. Promovida polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, esta iniciativa xurdiu co obxectivo de xerar un espazo para reflexionar sobre a sostibilidade financeira dun centro académico ao mesmo tempo que se mantén un ecosistema diverso e equitativo a través dun modelo de captación de fondos inclusivo. Como mostra do traballo realizado polo CINBIO na promoción dos valores igualitarios, a primeira edición deste evento, ao que asistiron arredor de 30 persoas da comunidade universitaria, celebrouse ao abeiro das axudas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.
Dous paneis de relatorios e unha mesa redonda conforman o programa
Presentación a cargo da subdirectora do CINBIO Diana Valverde
A subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, foi a encargada de dar a benvida ao público asistente nun acto de presentación, no que subliñou "a importancia de diversificar a captación de fondos académicos para un centro de investigación como o CINBIO". Tras o acto de apertura, a decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña, foi a encargada de dar paso ao primeiro panel que, baixo o título Fundraising no ámbito académico como estratexia de sostibilidade económica, contou coa intervención de Carmen Pérez Esparrells, profesora titular do Departamento de Economía e Facenda Pública na Universidad Autónoma de Madrid (UAM. No seu relatorio destacou que as microdoazóns poden ser unha ferramenta poderosa para involucrar a un maior número de persoas na financiación de proxectos universitarios, ademais de presentar casos de éxito de universidades públicas e centros de investigación e innovación en España que lograron captar fondos a través de estratexias de crowdfunding e outras formas de financiación alternativa. Tras ela, Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, compartiu a súa experiencia no eido do micromecenazgo a través dun relatorio no que, de xeito moi divulgativo, expuso as fases polas que hai que pasar para poñer en marcha este tipo de proxectos, así como os posibles problemas e vantaxes que poden xurdir polo camiño.
Carmen Pérez Esparrells durante a súa intervención
Gumersindo Feijoo durante o seu relatorio
Tras unha breve pausa, deu comezo un panel para coñecer diferentes modelos de fundraising, presentado pola xestora do CINBIO, Noa Caramés. Baixo este paraugas, a presidenta de Cooperativas Espazocoop, Ana Olveira, destacou o papel do fundraising como unha ferramenta para promover a economía social, orientada a xerar un impacto positivo na sociedade, o que nas súas palabras “implica mobilizar recursos para iniciativas que fomenten o benestar social, a equidade e a sustentabilidade”. Pola súa banda, Almudena Covelo, responsable do equipo de fundraising da Fundación Amicos, abordou a importancia de construír e cultivar relacións valiosas entre as entidades e os seus financiadores, pois, nas súas palabras, “unha colaboración económica sostible xorde a partir de relacións sólidas e ben fundamentadas”.
Ana Olveira, presidenta de Cooperativas Espazocoop
Almudena Covelo, responsable do equipo de fundraising da Fundación Amicos
O panel tamén contou coa presenza de Xavier Fontcuberta, coordinador de Programas da Fundación Roberto Rivas, que compartiu as súas iniciativas en materia de investimento de impacto, “un xeito de apoiar proxectos con impacto social e ambiental”. Ademáis, o público asistente tivo a oportunidade de coñecer de preto o traballo realizado pola Fundación ENKI, “unha organización activa, aberta e centrada nas persoas, que naceu co obxectivo de demostrar que a inclusión é posible a través do lecer e do deporte”, tal e como comentou a súa terapeuta ocupacional, Sara González Iglesias.
Xavier Fontcuberta, coordinador de Programas da Fundación Roberto Rivas
Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional da Fundación ENKI
Unha mesa redonda centrada nas experiencias e actitudes necesarias para a captación de fondos, e moderada pola directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez, protagonizou o terceiro bloque da xornada, que contou coa intervención de Leire López Rico, responsable da área de estratexia financieira de Envita; Iván García Besada, CEO e Cofundador de Néboda Farms e Manuel Noia, CEO en Linknovate.
Mesa redonda
Para pechar a xornada, unha sesión de aperitivo-networking puxo o broche final a esta acción formativa transversal promovida polo CINBIO, co fin de favorecer a conversación e o intercambio de ideas entre as relatoras e o público asistente.