GL EN
Twitter bSky

News

03 February 2026A científicas do CINBIO súmanse á conmemoración do 11F con actividades para visibilizar o papel das mulleres na ciencia

Co obxectivo de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas, as científicas do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina pertencente á Universidade de Vigo e a Rede CIGUS, súmase ao longo de todo o mes de febreiro á conmemoración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades nos diferentes campus da UVigo. Xunto cos obradoiros ElasFanCienTec en Vigo e a feira eXXperimenta en Feminino en Ourense, tamén haberá cabida para obradoiros, feiras, charlas e encontros coa comunidade educativa co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos.

O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as escolas e as facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Obradoiros e charlas 11F

Dentro da porgramación atópase un xa clásico e amplo ciclo de charlas, que  nesta ocasión serán impartidas por setenta investigadoras da UVigo ao longo do presente mes, centradas tanto no seu labor investigador coma no papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas actividades desenvolveranse principalmente en centros educativos, pero tamén en residencias de persoas maiores, aulas hospitalarias, bibliotecas e outros espazos sociais. 

Científicas do CINBIO nunha das charlas realizadas na edición do 2025

Por parte do CINBIO, participarán neste ciclo de charlas varias investigadoras de grupos como o de Inmunoloxía, Filoxenómica, FunNanoBio ou o grupo de Evolución Molecular Computacional. Cun total de cinco relatorios, abordarán temáticas variadas como a ciencia con perspectiva de xénero, as células e o ADN, ou as nanopartículas plasmónicas.

Ademais, a investigadora do grupo de Filoxenómica, Nuria Estévez, será unha das convidadas especiais na Semana da Ciencia en Galego do IES Chapela, onde impartirá a súa charla «O código secreto da vida: descubrindo os misterios das células e do ADN» e coñecerá de preto ao alumnado de 1.º da ESO deste centro educativo de Redondela.

ElasFanCienTec, en Vigo

O 11 de febreiro terá lugar a 10ª edición de ElasFanCienTec, cunha importante novidade: por primeira vez visitará o alumnado masculino as facultades máis feminizadas, ao tempo que as rapazas continúan achegándose a ámbitos tradicionalmente masculinizados. Esta apertura busca combater a segregación horizontal na elección de estudos e cuestionar o desigual valor social das profesións feminizadas. Máis de 200 rapazas e rapaces de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Coruxo, IES Politécnico de Vigo, IES do Castro e IES Álvaro Cunqueiro) visitarán laboratorios e escolas do campus de Vigo para participar en obradoiros científicos organizados polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

Imaxe dun dos obradoiros realizados no CINBIO na pasada edición do 2025

eXXperimenta en Feminino, o día 20 en Ourense

Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Entre eles, o público poderá coñecer de preto o traballo das científicas do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), pertencente ao CINBIO. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FEDERGalicia #FondosEuropeos #CIGUS

Fonte: DUVI