GL EN

News

19 December 2023A directora de GAIN visita o CINBIO para coñecer a implicación do centro na misión espacial BIXO

A misión biolóxica espacial BIXO, impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, segue dando pasos importantes de cara a convertese nun fito para a Universidade de Vigo. Este martes, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación, a súa directora, Patricia Argerey, puxeron unha “primeira pedra simbólica” deste proxecto, que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial co lanzamento dun satélite tipo cubesat.

Patricia Argerey á súa chegada ao CINBIO

Tras o percorrido polas instalacións de UVigo SpaceLab na EE de Telecomunicación, que incluíu a visita á sala limpa, onde se realizou a ensamblaxe do modelo de voo de Totem na estrutura do satélite, desprazáronse ao CINBIO (Centro de Invstigación en Nanomateriais e Biomedicina), onde Argerey foi recibida polo seu director, Miguel Correa, e polos responsables do grupo FunNanoBio, Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, e o investigador do mesmo grupo Gustavo Bodelón. Nesta parte da visita, Xavier de Rada, membro do Departamento de Microfluídica de UVigo SpaceLab, realizou unha electroporación en tempo real, mentres explicaba os aspectos biolóxicos da misión, como o tipo de bacteria que se enviará ou o método de medición. Ademais, o CEO do equipo, Manuel Diz, tamén explicou o proceso de fabricación dos chips microfluídicos que levarán ás bacterias a órbita para estudar posteriormente o seu crecemento no espazo.

A directora de GAIN felicitou o equipo de UVigo SpaceLab polo seu “talento” e por realizar un traballo “tan impresionante” nun proxecto que require “colaborar con tantas organizacións e empresas”.

Foto de familia no CINBIO

Tras máis de tres anos de traballo nesta misión biolóxica, UVigo SpaceLab ten consolidado avances en moitos outros aspectos. No eido da microfluídica e a bioloxía, no relativo aos aspectos bacterianos, o traballo de colaboración co grupo FunNanoBio do CINBIO enfocouse no proceso de liofilización e nos métodos para reactivar bacterias en órbita. 

Fonte: DUVI