News
Este venres a investigadora e líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, Verónica Salgueiriño, foi a encargada de ler o pregón da primeira edición da feira científica 'ACiENCiACERTA', promovida polo Concello do Porriño co patrocinio do grupo porriñés Zendal.
Verónica Salgueriño na lectura do pregón
Veciña de Pontellas, Verónica Salgueiriño exerceu de madriña desta iniciativa que nace co fin de sacar a ciencia á rúa, espertar as vocacións científicas e achegar o traballo de investigación aos veciños e veciñas do Porriño, que se achegaron este mediodía ata a praza do Concello para presenciar o seu emotivo pregón.
Ademais, o equipo do CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, estivo tamén presente cun posto na feira científica. O público asistente puido achegarse para coñecer o festival científico 'CinVigo. Ciencia na rúa' promovido polo centro de investigación, así como desfrutar cos experimentos organizados pola investigadora do grupo de Filoxenómica, Nuria Estévez.
Nuria Estévez no posto do CINBIO durante a primeira edición da feira 'ACiENCiACERTA'