GL EN
Twitter bSky

News

22 August 2025A investigadora Laura Salonen, unha das protagonistas da 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil. 

“O catálogo Quero ser investigadora renóvase para ofrecer un formato máis acorde coa evolución das cativas e cativos aos que se dirixe”, destacan Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, na entrevista que abre a publicación. “Esta nova entrega preséntase como un volume único que recolle conversas en estilo directo con investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar unha conexión máis próxima e auténtica cos lectores e lectoras”. Como parte desa vontade de achegarse ao público, a edición opta pola fotografía como fío visual do relato, a través da mirada da fotógrafa Charo Lopes (Boiro, 1988).

Desde a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito...

Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía. “Os camiños que seguen estas mulleres son múltiples e amosan que non hai unha única maneira de chegar á investigación, senón que cada traxectoria está atravesada por decisións persoais, curiosidades, obstáculos superados e paixón polo coñecemento”, subliñan dende a UCC+i.

O catálogo arranca cun prólogo en formato entrevista con Belén Rubio e Mónica Valderrama, unha conversa que serve de pórtico para as dez historias que seguen. Nesta ocasion, a edición pecha con Laura Salonen, investigadora Ramón y Cajal do CINBIO especializada en nanomateriais, que ve nesta ciencia unha ferramenta clave para afrontar os retos ambientais. Para concentrarse, ten un ritual moi persoal: escoitar a banda sonora de O Señor dos Aneis.

Audiolibro e lectura fácil: unha aposta pola inclusión

Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas, eliminando barreiras cognitivas e facilitando a comprensión para persoas con dificultades lectoras, trastornos do neurodesenvolvemento ou que simplemente prefiren unha lectura máis directa.

Como en edicións anteriores, o catálogo conta cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A proposta complétase cunha guía didáctica e contidos interactivos elaborados na plataforma Genially, co obxectivo de facilitar o traballo co catálogo nas aulas.

Presentación "con nome de muller"

Financiado pola FECYT, Fundación Española para a Ciencia y la Tecnología- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, o catálogo forma parte das actividades do Plan de Ciencia de Ida e Volta da Unidade de Cultura Científica, UCC+i. A publicación presentouse oficialmente no marco da expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, celebrada no concello de Lalín.

Nova completa no DUVI.

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS