GL EN

News

06 February 2024A investigadora Verónica Salgueiriño comparte experiencias coas mulleres do Plan Comunitario de Teis

Unha tarde para compartir experiencias, falar de ciencia e dos desafíos diarios das mulleres científicas. Así se pode resumir a xornada de onte, na que a investigadora e líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO Verónica Salgueiriño visitou ás mulleres do proxecto Non hai fronteiras, promovido polo Plan Comunitario de Teis, en Vigo. Esta coordinadora de barrio, integrada por persoas, colectivos, asociacións servizos e recursos establecidos no barrio vigués de Teis, dirixe o citado proxecto a mulleres de orixe estranxeira co obxectivo de visibilizalas, dotalas das competencias básicas no noso idioma, facilitar o seu proceso de integración e construir un barrio máis inclusivo e equitativo.

Ao longo de algo máis dunha hora, Verónica Salgueiriño faloulles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas pero, sobre todo, focalizou o seu discurso na visibilización do traballo das investigadoras  e na importancia de fomentar as vocacións científicas das rapazas das novas xeracións co fin de vivir nunha sociedade máis xusta e igualitaria, que promova o avance para todas e para todos. Previamente, as oito mulleres participantes tiveron a oportunidade de coñecer a súa historia relatada en primeira persoa a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo.

Desde o CINBIO agardamos que fora unha experiencia enriquecedora porque, tal e como iniciaba Salgueiriño a súa charla, "na ciencia tampouco hai fronteiras".

Esta iniciativa forma parte dun completo programa de actividades divulgativas para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F), que se celebra en todo o mundo o día 11 de febreiro. A próxima actividade terá lugar este xoves 8 de febreiro coa visita ao CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, de 47 rapazas do IES Castelao de Vigo, dentro da iniciativa Elas Fan CienTec.