GL EN
Twitter bSky

News

11 February 2026Alumnado do IES Coruxo celebrou o 11F no CINBIO cunha nova edición de Elas Fan CienTec

En España, segundo a UNESCO, só un 30% de mulleres decide matricularse en carreiras STEM, unha porcentaxe que acada o 34% no conxunto de Europa. Mulleres, que segundo se pon de manifesto na análise Científicas en cifras 2025, consideran nunha porcentaxe do 17% que aínda existen discriminacións por razón de xénero na ciencia, algo que, non obstante, só percibe o 4% dos homes do sector. Reverter estas e outras moitas cifras que evidencian as desigualdades e a falta de paridade no ámbito científico, nomeadamente no das disciplinas STEM, non semella doado, de aí a relevancia das actividades que neste 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, se organizan co obxectivo de poñer en valor o papel das científicas e para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.

Con esta idea, esta mañá o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, tamén pertencente á Rede CIGUS e financiado por fondos europeos, recibiu a visita de 40 alumnas de 3º e 4 da ESO do IES Coruxo de Vigo para celebrar o 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O obxectivo da visita era claro: converterse en científicas por un día. E así foi grazas aos nove obradoiros organizados polas científicas deste centro de investigación dentro da iniciativa Elas Fan CienTec, que este ano chegou á súa décima edición visibilizando o papel das mulleres na ciencia e fomentando  as vocacións científicas entre as nenas, grazas ao apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo,  en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Benvida a cargo da investigadora Margarita Vázquez

Tras a benvida a cargo da investigadora Margarita Vázquez, coordinadora da actividade neste centro, as científicas dos grupos FunNanoBio, TeamNanoTech, Nanomateriais Híbridos, Nanomateriais Biomiméticos, Física e Química de Materiais, Filoxenómica, Neurocircuits e CellCOM, así como do servizo de Citometría do CINBIO, abriron as portas dos seus laboratorios. A través do seu percorrido, as estudantes do IES Coruxo tiveron a oportunidade de converterse en neuroexploradoras e coñecer o mundo dos neurocircuitos; así como explorar conceptos como a luminiscencia, a polarización da luz, a quiralidade e o biomimetismo. Ademais, o ADN, o deseño de nanopartículas ou o magnetismo a pequena escala foron tamén temáticas centrais destes obradoiros.

Un intre do obradoiro do grupo FunNanoBio

Durante o obradoiro do grupo Biomimat

Experimentando co grupo CellCOM

Obradoiro 'O ADN nas túas mans' do grupo de Filoxenómica

Un intre da actividade do grupo de Física e Química dos Materiais

No laboratorio do grupo de Nanomateriais Híbridos

Coñecendo o traballo do grupo Neurocircuits

Un intre do obradoiro CelulARTE

No servizo de Citometría do CINBIO

Durante o obradoiro do grupo TeamNanoTech

Deste xeito, e un ano máis, os sorrisos, a curiosidade e o entusiasmo por aprender convertéronse nos auténticos protagonistas da celebración do 11F no CINBIO. Queremos agradecer ás alumnas e ao profesorado do IES Coruxo a súa participación, así como a todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa que, edición tras edición, pon en valor o papel das científicas e potencia a inquedanza das rapazas que representan o futuro da ciencia en Galicia.

Máis actividades a próxima semana

As actividades do 11F continuarán a próxima semana coa gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, que terá lugar o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense, contando coa participación do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do CINBIO . Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.