GL EN
Twitter bSky

News

16 January 2026Arranca no CINBIO un prometedor proxecto para o tratamento da artrose

Desde o grupo de investigación CellCOM, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, levan anos traballando na procura e proba de novas terapias para o tratamento de enfermidades dexenerativas asociadas ao envellecemento, entre eles a artrose, unha das doenzas máis frecuentes e incapacitantes. Este mes arrancaron un novo proxecto, neste caso cunha axuda de 381.500 euros do programa Ignicia, iniciativa coa que a Xunta de Galicia busca acelerar a chegada ao mercado da I+D que realizan as universidades e centros tecnolóxicos galegos.

Liderado pola investigadora María Dolores Mayán Santos,  o proxecto Péptidos senoterapéuticos para o tratamento da artrose (OA),  prolongarase ao longo de 24 meses, tempo no que tratarán de desenvolver unha nova aproximación terapéutica para o tratamento desta doenza que vai máis aló do alivio temporal da dor. “A innovación baséase no uso de péptidos terapéuticos deseñados para frear activamente a progresión da enfermidade e favorecer a rexeneración do tecido articular”, explica a responsable do proxecto.

"Boa toleracia, baixa toxicidade e mínimos efectos secundarios"

A estratexia céntrase na modulación da conexina 43 (Cx43), unha diana molecular identificada polo propio grupo de investigación e directamente implicada nos procesos de senescencia celular e inflamación que conducen á degradación da cartilaxe e á deterioración da articulación. Os resultados preclínicos obtidos demostran que a administración local mediante inxección intraarticular é eficaz para deter o avance da enfermidade e estimular a rexeneración do tecido, mellorando a función articular e a mobilidade sen dor.

Esta tecnoloxía, xa protexida mediante unha patente internacional, ofrece unha intervención farmacolóxica altamente específica, segura e potencialmente personalizada. “Os fármacos baseados en péptidos caracterízanse por unha boa tolerancia, baixa toxicidade e mínimos efectos secundarios, ademais de permitir un deseño adaptado a tratamentos localizados e de liberación controlada”, explican desde o grupo. Aínda que o foco principal é a artrose, a tecnoloxía tamén amosou eficacia noutras enfermidades asociadas ao envellecemento, nas que a inflamación e a senescencia celular xogan un papel clave, o que a converte nunha plataforma terapéutica versátil con múltiples aplicacións potenciais.

Resultados moi prometedores en modelos animais

“A axuda estratéxica da GAIN permitiranos dar un paso moi importante para avanzar na transferencia dunha terapia dirixida, con resultados moi prometedores en modelos animais para frear a progresión da artrose e con capacidade rexenerativa, así como con potencial aplicación noutras enfermidades dexenerativas asociadas ao envellecemento”, explica Mayán, ao que engade que se trata dunha aproximación única, xa que este tipo de terapia nunca se utilizou previamente para o tratamento da artrose, unha enfermidade para a que, na práctica clínica, as opcións dispoñibles baséanse maioritariamente no uso de fármacos destinados a aliviar a dor ou a inflamación, pero que non abordan a causa da enfermidade nin deteñen a súa progresión. 

“Este proxecto reflicte a aposta da Xunta de Galicia por converter o coñecemento xerado en centros de excelencia como o CINBIO en solucións con impacto real para os pacientes e para a sociedade”, subliña a investigadora. 

Seguinte paso: creación dunha spin-off

O obxectivo do grupo é impulsar a creación dunha spin-off que lles permita avanzar de forma máis áxil no desenvolvemento regulatorio, facer o proxecto máis atractivo para a industria farmacéutica e facilitar o acceso a investimento privado que axude a acelerar o seu desenvolvemento. “Afrontamos este reto con moita ilusión e compromiso, contando co apoio do CINBIO, da Universidade de Vigo e da propia GAIN”, apunta a investigadora, quen explica que o proxecto se realizará en colaboración con outros centros como o CiQUS e especialmente con Jose Ramón Caeiro do IDIS e do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario de Santiago de Compostela. Ademais, están tamén xa en contacto con empresas interesadas que poderían desempeñar un papel relevante nas seguintes fases deste proceso de transferencia.

11 iniciativas financiadas na UVigo ao abeiro do programa Ignicia

As axudas do programa Ignicia buscan madurar os resultados de investigación para levalos ao mercado en forma de creación de empresas SpinOff. Nesta quinta edición do programa seleccionáronse dous proxectos da UVigo, polo que a día de hoxe son xa 11 as iniciativas financiadas na institución académica viguesa grazas a estas axudas, entre elas proxectos como Alen Space, spin-off da Universidade de Vigo creada en 2019 e que a día de hoxe é todo un referente no deseño e fabricación de pequenos satélites.

Fonte: DUVI