News
Con motivo da Semana da Ciencia (1 ao 14 de novembro de 2021) o CINBIO celebra as súas portas abertas para achegar o traballo diario do noso persoal investigador á sociedade, co obxectivo de que a ciencia sexa máis accesible a todas as persoas, incluídas as máis alleas a ela.
“Ciencia con C de CINBIO” será unha serie de eventos que se celebrarán durante estes días tanto nas rúas de diferentes cidades como no noso propio centro, todos eles abertos a calquera persoa que desexe vir a coñecer un pouco máis como funciona o mundo da investigación. Así, dividiremos estas xornadas en tres grandes bloques: “CINBIO na escola” “CINBIO na rúa”e “Coñece o CINBIO.”
CINBIO na escola
Entre o 2 e o 10 de novembro o CINBIO estará presente nas aulas para darse a coñecer entre a xuventude de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, e promover así futuras vocacións científicas. Farémolo a través dunha unidade didáctica formativa sobre ciencia que enviaremos aos diferentes institutos, que sirva de base aos profesores e profesoras para que o alumnado aprenda máis sobre as diversas disciplinas científicas.
Esta actividade formativa estará complementada co reparto dunhas gafas 3D entre os alumnos e alumnas coas que poderán acceder á visita virtual do noso centro, tendo unha vista completa de todos os nosos laboratorios sen moverse da propia aula.
CINBIO na rúa
Continuaremos o 4 de novembro cun stand a pé de rúa na cidade de Ourense, carpa que se establecerá na Rúa Paseo de Ourense de 16.30h a 20.30h. Nel, haberá diferentes membros do #teamCINBIO informando sobre a actividade que se realiza no centro día a día: que somos, onde estamos, a información dispoñible na nosa web e redes sociais, etc.
Ademais diso, tamén faremos algunhas pequenas actividades como ensinar algúns vídeos promocionais do centro ou dar a posibilidade de acceder á nosa realidade virtual a través das gafas 3D.
Por outro lado, o 9 de novembro instalaremos este mesmo stand na Rúa do Príncipe de Vigo cos mesmos horarios e actividades.
Coñece o CINBIO
A tarde do 11 de novembro o CINBIO abrirá as súas portas a unhas 50 persoas de todas as idades (cómpre recordar que non é unha actividade pensada específicamente para nenos/a senón para a poboación en xeral, aínda que tamén serán benvidos), para que coñezan o centro a través dunha visita guiada polo propio #teamCINBIO. Esta actividade terá unha duración aproximada dunhas dúas horas e media, durante as cales ensinaranse os diferentes espazos e laboratorios do centro á vez que se fan experimentos e charlas específicas para os asistentes. O día rematarase cun pequeno pincho (merenda saudable en packs individuais) no propio centro.
Para respectar todos os protocolos COVID-19, as persoas dividiranse en grupos de 8 e farán as mesmas rutas pero en distinto orde. Para asistir a esta actividade é necesario inscrición previa no formulario que está dispoñible ao final da páxina. As prazas son limitadas e confirmaranse a través de correo electrónico antes da visita.
A Semana da Ciencia rematará o sábado 13 de novembro pola maña, no que faremos una “Xincana CINBIO” polo propio campus de Vigo (nos arredores do propio edificio). Será unha carreira de orientación con temática científica por equipos que poden ser de entre 3-4 persoas, cunha duración estimada duns 30-45 minutos. Estes equipos recibirán un mapa cun percorrido establecido co que terán que orientarse para chegar ás localizacións onde estean situadas as diferentes probas a superar (que serán preguntas, minixogos, etc.). As inscricións para esta actividade alizaranse a través deste formulario.
Como colofón final, o 18 de novembro, días despois da semana da ciencia, pecharemos cunha actividade en Ourense: xornada de portas abertas na Escola Superior de Enxeñería Informática, onde teñen os seus laboratorios dous grupos máis do #teamCINBIO. Para esta actividade tamén será necesaria inscrición no formulario do final da páxina.
En definitiva, “Ciencia con C de CINBIO” será unha iniciativa coa que agardamos que se vexa a ciencia como unha disciplina próxima en lugar da súa visión tradicional como útil para a sociedade aínda que afastada da rúa. Ademais, sabemos que o seu futuro está nos mozos e mozas, e queremos espertar vocacións científicas entre eles para axudar a construír un futuro mellor.