GL EN

News

10 October 2024CellCOM ábrese á investigación dos sarcomas ultrararos coa primeira bolsa Carolina Cerezo que outorga Asarga

No universo que conforman o conxunto de enfermidades identificadas como cancros, os sarcomas teñen a característica diferencial de que non afectan a un órgano concreto, senón a músculo, cartilaxe, graxa, óso ou tecido de sostemento. Estes tumores malignos, que son unha variedade pouco común de cancro, inclúen, a súa vez, máis de 70 tipos de sarcoma considerados ultrararos pola súa baixa incidencia, ao afectar a unha persoa de cada millón. “Uns datos de frecuencia que fan que sexan patoloxías moi pouco estudadas que necesitan máis atención por parte da investigación e das administracións”, explica María Mayán Santos, investigadora principal de CellCOM, grupo de investigación de CINBIO especializado en comunicación celular en cancro e enfermidades asociadas á idade, que mañá recibirá a primeira bolsa Carolina Cerezo que outorga a Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, Asarga.

María Mayán, á dereita sentada, con integrantes do grupo CellCOM

Nun acto que se celebrará este venres a partir das 19.00 horas na sede de Afundación en Vigo, CellCOM recollerá unha bolsa de investigación, que lles permitirá ás e aos seus integrantes iniciar un proxecto para aumentar o coñecemento en sarcomas menos coñecidos e así poder atopar novas terapias e desenvolver métodos de diagnóstico. “Supón todo un reto abrir unha liña de investigación nova no noso grupo sobre tumores tan pouco frecuentes e tan pouco estudados. Poder achegar o noso coñecemento é un gran reto e empezamos cunha axuda dunha asociación de pacientes que están a facer un grande esforzo por recadar fondos para a investigación”, explica María Mayán sobre a bolsa de Asarga, financiada con fondos solidarios, recadados a través da venda do libro El sarcoma día a día, unha iniciativa da asociación, que este venres en Afundación tamén presentará o documental homónimo.  

“Máis que nunca, sentimos máis comprometidos e con máis ganas de poñernos a traballar”, asegura a responsable de CellCOM, para quen Asarga “son un exemplo a seguir para a administración. A ciencia é única ferramenta que temos para achegar solucións en forma de terapias ou marcadores de diagnóstico a estes pacientes, que maioritariamente son pacientes moi novos”. Precisamente, só 25 anos tiña cando morreu Carolina Cerezo, a moza malagueña que dá nome a bolsa que Asarga promove e coa que se lembra a loita desta muller, diagnosticada dun sarcoma raro, na procura de novos tratamentos que puideran funcionar no seu caso.

Obxectivos: sarcoma sinovial, subtipos de Ewing ou osteosarcoma

Coa experiencia adquirida logo de anos de traballo en cancro, con varias liñas de investigación, CellCOM comezará con esta bolsa a estudar sarcomas que afectan ao tecido articular e óseo, no que teñen ampla experiencia. “Esperamos poder centrarnos no estado do sarcoma sinovial, algún dos subtipos de sarcoma de Ewing ou no osteosarcoma”, detalla María Mayán, que sinala que razón de fixarse en sarcomas da articulación e do óso, responde a que coñecemos ben estes tecidos ao traballar previamente e con unha ampla experiencia, en enfermidades da articulación. Imos aplicar o noso coñecemento e experiencia ao estudo de sarcomas óseos e dos tecidos da articulación”.

A responsable do grupo de investigación do CINBIO lembra que, hoxe en día, se sabe que o cancro debe identificarse máis que polo lugar de desenvolvemento, polas marcas moleculares, “pero seguramente o lugar tamén importa polo, que chamamos contorna ou microambiente tumoral, que é diferente e especial dependendo da zona onde se localiza o tumor”. CellCOM intentará na súa investigación entender algún destes tipos de tumores para ser quen de identificar marcas moleculares que axuden a desenvolver terapias ou métodos de diagnóstico máis precisos. “Os sarcomas están menos estudados, pero cada vez espertan maior interese pola necesidade de achegar solucións terapéuticas e porque afectan fundamentalmente a persoas mozas. Ademais, cada vez hai máis compromiso social para axudar e aportar solucións a este tipo de tumores”, afirma a responsable de CellCOM. 

Fonte: DUVI