News
Unha mañá chea de ciencia, divertida, pero sobre todo inclusiva, para todas e para todos. Así se pode definir a xornada na que participaron onte varias investigadoras do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina), dentro do campamento de verán organizado pola Ludoteca Inclusiva da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP) en Vigo.
As investigadoras do CINBIO iniciaron a xornada cunha breve presentación sobre o seu traballo.
Arredor das dez da mañá, as nenas e nenos deste campamento de verán inclusivo recibían con entusiasmo ás científicas Mercedes Peleteiro, responsable do servizo de Citometría de Fluxo do CINBIO; Nuria Estévez, investigadora do grupo de Filoxenómica; Manuela Rodríguez, do grupo de Neurociencia; e Paula Rivas, do de Neurocircuits, que se achegaron ata as instalacións da Ludoteca Inclusiva do Centro de Atención Infantil que APAMP dirixe en Vigo, para desenvolver un obradoiro científico con divertidos experimentos e actividades adaptadas para idades comprendidas entre 4 e 10 anos.
Paula Rivas e Manuela Rodríguez preparadas para a súa actividade.
Mercedes Peleteiro e Nuria Estévez co material do seu experimento.
Ao longo da mañá, o entusiasta grupo de rapazas e rapaces participaron en varias actividades sensoriais e sinxelos experimentos presentados a modo de divertidos xogos, cos que puideron descubrir os estados físicos da auga ou a teoría das cores empregando o Disco de Newton.
Foi unha mañá diferente, chea de sorrisos e ilusión. Desde o CINBIO agardamos poder seguir achegando a ciencia a todo tipo de públicos e seguir espertando as vocacións das que serán as científicas e os científicos do futuro.