GL EN
Twitter bSky

News

24 October 2025CINBIO celebra un foro para discutir e propoñer melloras nas políticas de apoio ao emprendemento e a innovación

Favorecer un espazo de encontro entre persoas expertas en políticas públicas, persoal investigador, persoas emprendedoras e empresas para discutir e propoñer melloras nas políticas de apoio ao emprendemento e a innovación foi o principal obxectivo co que o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, celebrou este venres un foro para favorecer o emprendemento no ámbito académico. Baixo o título de “Políticas públicas para a innovación e o emprendemento”, a xornada tivo lugar a partir das 09:00 horas na sala do edificio CITEXVI da Universidade de Vigo.

Miguel Correa foi encargado de dar a benvida institucional

Xosé María Mahou durante a inauguración do foro

O director do CINBIO, Miguel Correa, foi o encargado de dar a benvida institucional ás persoas asistentes. No seu discurso, Correa subliñou a "importancia da coordinación e a visión compartida entre academia, administración pública e empresas para favorecer a innovación no ámbito académico". Xunto a el tamén participou na inauguración o vicedecano da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, Xosé María Mahou Lago, quen deu paso a Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, encargada da conferencia inaugural O papel das políticas públicas no fomento do emprendemento.

Ángeles Lozano impartiu a conferencia inaugural

Ao longo da xornada, as persoas asistentes puideron coñecer de preto casos de éxito en políticas de innovación e emprendemento, grazas á intervención de Juan Luis Romera, técnico do departamento de Promoción Institucional e Cooperación Terriotorial de CDTI Innovación, quen ofreceu ampla información sobre as axudas que esta institución proporciona a proxectos de I+D. Ademais, a segunda sesión do foro estivo protagonizada pola presentación do programa Ignicia por parte de Raúl Rodríguez Couto, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen subliñou a capacidade deste programa "para impulsar a valorización e a transferencia de resultados de investigación ao mercado".

Juan Luis Romera durante a súa intervención

Raúl Rodríguez Couto na segunda sesión do foro

Tras unha breve pausa, os desafíos actuais no apoio ao emprendemento foron o foco dun coloquio que, baixo a moderación do técnico da Oficina de I+D da UVigo, José Jato, contou coa participación de Abi Judit Vázquez, cofundadora e COO de Diversa Technologies; Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant; e Miguel Correa, director do CINBIO e investigador principal do grupo TeamNanoTech. A xornada finalizou cun taller práctico para acadar propostas concretas coas que mellorar as políticas de apoio ao emprendemento, seguido dunha comida- networking, na que as persoas asistentes puideron intercambiar experiencias e xerar novas sinerxías.

José Jato, Abi Judit Vázquez, Miguel Correa e Luis Pérez durante o coloquio

EMPREN+AP, un programa para fomentar a cultura da innovación no ámbito académico

Xunto con outras accións como a xornada de capacitación científico-tecnolóxica, varias xuntanzas de traballo e unha visita ao centro de investigación, este foro encádrase dentro do programa EMPREN+AP, promovido polo CINBIO en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cofinanciado a través da primeira Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC). Ademais, EMPREN+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.

Sobre CINBIO

O CINBIO é un centro de investigación da Universidade de Vigo, especializado en nanomaterias e biomedicina, e cofinanciado con fondos FEDER. Ademais, conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS