GL EN
Twitter bSky

News

10 October 2025CINBIO promove a visibilidade das mulleres científicas galegas na Wikipedia

Menos do 25% das biografías publicadas en Wikipedia corresponden a mulleres, unha fenda de xénero que se acentúa especialmente no ámbito científico. Esta foi a premisa arredor da que xurdiu e xirou a sexta edición da xornada Falemos de Ciencia en Igualdade, organizada polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, e celebrada este venres no espazo Incuvi do campus de Vigo. 

A iniciativa enmárcase nas axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo destinadas a apoiar accións que fomenten a sensibilización en materia de xénero e a transmisión de valores igualitarios no ámbito académico. Diana Valverde, subdirectora do CINBIO, foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, resaltando o compromiso do centro coa comunicación e divulgación científica inclusiva, desde unha perspectiva de xénero. Agradeceu tamén o apoio da Unidade de Igualdade da Universidade, promotora das axudas que fixeron posible o evento, e representada neste acto por Mar Fernández, técnica superior da mesma.

Pola súa banda, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, felicitou ao CINBIO por esta iniciativa e subliñou que a xornada supón “unha importante ferramenta para reflexionar sobre as medidas para alcanzar un dereito fundamental como é a igualdade”. “Para a Universidade de Vigo é moi importante a transferencia social do coñecemento e do traballo que se fai na Universidade, sobre todo das mulleres, que a historia ten máis esquecidas”, engadiu.

Tres relatorios, un obradoiro e un coloquio

A xornada comezou coa intervención de Emma Torres, decana e profesora titular da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, co relatorio Mulleres comunicando ciencia. A situación da comunicación e a divulgación científica dende a perspectiva da xénero. Na súa exposición abordou “os puntos de fuga de xénero que se producen do laboratorio ao titular, lembrando que menos do 40% das informacións científicas citan a mulleres como fonte”. 

A continuación, Isabel Zapico, membro de Wikiesfera, explicou no seu relatorio A visibilidade das mulleres STEM en Wikipedia, que a Wikipedia, un dos sitios web máis visitados, presenta unha marcada desigualdade: menos do 25% das biografías publicadas corresponden a mulleres, sendo a presenza das científicas aínda menor. Xunto a Sabela Cebro, integrante de WikiMorada, impartiu o obradoiro Primeiras recomendacións para editar na Wikipedia, no que as persoas asistentes puideron coñecer os primeiros pasos para contribuír a esta plataforma. Ademais, Maite Sobrino, de WikiEditoras Lx, explicou o traballo do colectivo portugués, centrado en aumentar a diversidade das narrativas na Wikipedia e incrementar o contido relativo a mulleres cis, persoas trans e non binarias, co obxectivo de promover unha representación máis inclusiva.

Presentación do proxecto do CINBIO

Lucas Vázquez, investigador e membro do Comité de RRI, Igualdade e non Discriminación do CINBIO, presentou o proxecto Máis científicas galegas na Wikipedia, unha iniciativa deste centro de investigación que nace coa intención de visibilizar o labor das mulleres científicas galegas mediante a creación e actualización de biografías na enciclopedia libre, contribuíndo así a reducir a fenda de xénero neste espazo dixital. 

A xornada rematou cun coloquio no que as tres relatoras analizaron a percepción social da ciencia e as accións prácticas que promoven a igualdade. “No diálogo final, as preto de 30 persoas asistentes participaron activamente, intercambiando opinións e reflexións coas relatoras nun ambiente distendido e enriquecedor”, sinalan desde a organización da actividade.  

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS