GL EN

News

12 September 2024Dous proxectos do CINBIO acadan financiamento na convocatoria de axudas para incentivar a consolidación investigadora

Sete proxectos concedidos e un total de 1.233.432 de euros captados. Este é o balance dos resultados obtidos pola Universidade de Vigo na Convocatoria de axudas para incentivar a consolidación Investigadora 2023, que ten como finalidade impulsar a creación de prazas de carácter permanente nas institucións de adscrición e facilitar o inicio ou o afianzamento dunha liña de investigación mediante o financiamento dun proxecto propio de I+D+i, así como a adecuación e renovación dos espazos e laboratorios e a mellora do equipamento necesario para a súa execución. 

Aínda que aberta a calquera área temática, esta convocatoria promove especialmente a consolidación de persoas cuxo ámbito de investigación se enmarque nunha temática estratéxica relativa á intelixencia artificial, á microelectrónica e aos semicondutores (chips), ámbitos para os que se destina un orzamento adicional. Dos sete proxectos da UVigo seleccionados, dous deles están promovidos por Miguel Arenas e Gustavo Bodelón, investigadores do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.

Comprendendo e predicindo traxectorias evolutivas moleculares do SARS-COV-2

Por unha banda, e cun orzamento de 169.072€, Miguel Arenas Busto, investigador principal do grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, coordina un proxecto para comprender e predicir as traxectorias evolutivas moleculares do SARS-CoV-2a. Pasados máis de catro anos dende o comezo da pandemia, a atención actualmente está posta en como poderá ser o futuro co virus SARS-CoV-2 e, neste contexto, monitorizar e comprender a evolución do virus en tempo real ofrece a posibilidade de predicir potencialmente futuras traxectorias evolutivas moleculares do virus. Para avanzar neste eido resulta necesario comprender e considerar os mecanismos que xeran a diversidade molecular e a fitness do virus e, precisamente, este proxecto céntrase na evolución molecular del SARS-CoV-2 a niveis de xenoma completo e xenes, e con especial interese en proteínas fundamentais para a replicación do virus que se empregan o deseño das terapias actuais. 

Biosensores de células enteiras e libres de células baseados en reporteiros Raman

Finalmente, o investigador do Grupo de NanoBioMateriais Funcionais do CINBIO, Gustavo Bodelón, dirixe o proxecto BIORAR, Desenvolvemento de biosensores de células enteiras e libres de células baseados en reporteiros Raman, dotado dun orzamento de 199.919 euros. Os biosensores de célula enteira (WCB) e libres de células (CFB) son ferramentas deseñadas xeneticamente para detectar a presenza de analitos diana na contorna e informar sobre a súa presenza xerando un sinal medible. Os recentes avances en bioloxía sintética posibilitaron, por exemplo, a aplicación destes biosensores para a detección de biomarcadores en modelos preclínicos de enfermidades gastrointestinais, inflamación e cancro. A pesar do seu gran potencial, este tipo de biosensores teñen limitacións clave que esixen enfoques radicalmente novos e é neste contexto no que xurde o proxecto liderado por Bodelón. BIORAR propón a implementación de reporteiros Raman (RaR) codificados xeneticamente en biosensores de célula enteira e libres de célula co fin de incrementar significativamente a súa sensibilidade, a capacidade de multiplexado e a súa portabilidade empregando espectroscopia SERS. Este proxecto interdisciplinario, unindo bioloxía sintética, nanotecnoloxía e ciencia de materiais, propón unha solución radicalmente nova para a obtención de biosensores altamente mellorados para aplicacións de diagnose clínica e detección de contaminantes ambientais no punto de atención.

Máis información no DUVI