News
Entrevista a Jacobo de Uña-Álvarez, IP do grupo de investigación SIDOR (Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa)
“O noso nivel de internacionalización é moi elevado, con colaboradores en institucións de prestixio dos cinco continentes”
Jacobo de Uña- Álvarez, Doutor en Matemáticas, coordina o grupo de investigación SIDOR (Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa); grupo creado en 1998 na Universidade de Vigo e especializado en modelos e métodos estatísticos. Cun equipo conformado con máis de 30 investigadores, SIDOR, foi recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia dende 2008.
Cales son as principais liñas de investigación do voso grupo e que abordaxe diferencial plantexades en comparación con outros grupos similares? Cales son os vosos principais valores engadidos como grupo de investigación? (ex. Multidisplinaridade do equipo, redes de colaboración establecidas, etc)
O grupo SIDOR fai investigación básica na área de Estatística e Investigación Operativa. Dentro da bioestatística, as nosas principais liñas de investigación son: a análise de supervivencia e os modelos multi-estado; a avaliación de probas diagnósticas e pronósticas; regresión e predición en datos de alta dimensión e datos ómicos; e os métodos de comparacións múltiples.
SIDOR é o único grupo de investigación con estas capacidades na zona sur de Galicia. É un grupo que, ademáis de facer investigación básica en Matemáticas e desenvolver software estatístico, colabora con investigadores de moi distintos ámbitos (Medicina, Bioloxía, Enxeñería, Economía…). O noso nivel de internacionalización é moi elevado, con colaboradores en institucións de prestixio dos cinco continentes. Como mostra, acabamos de organizar o Congreso Anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica, que congregou en Vigo a máis de 600 profesionais deste ámbito en todo o mundo.
Sen dúbida o análise rápido, pero de calidade de grandes conxuntos de datos é un dos retos de futuro aos que nos enfrontamos en diversas áreas como a biomédica ou a económica. De que maneira o voso grupo contribue a optimizar estes procesos de análise e decisión de elevada complexidade?
Hoxe en día o almacenamento masivo de datos é unha realidade. Isto plantexou interesantes cuestións relacionadas co almacenamento, a xestión, e a explotación dos datos. Os modelos e as técnicas estatísticas permiten identificar, dentro desa gran nube, patróns ou características singulares. Os datos de alta dimensión e os Big Data provocaron a aparición de novas liñas de investigación básica en Estatística Matemática, como por exemplo as técnicas de inferencia no contexto ‘small n, large p’, que fai referencia a moitas variables medidas para unha mostra pequena de individuos. O grupo SIDOR leva xa varios anos propoñendo solucións neste terreo. Nun momento excitante para a investigación metodolóxica.
Neste senso, cales son as aplicacións máis significativas dos vosos resultados de investigación? En que beneficio social e/ou económico redunda (ou farao no futuro) para a cidadanía/industria?
As aplicacións son diversas pois a estatística ten un carácter transversal. Como exemplos concretos, podemos citar aplicacións en saúde, como a identificación de marcadores para o cancro ou para o tempo de progresión do VIH; ou a detección de alteracións en rexións de ADN a partir de experimentos de secuenciación, que son de moito interese no estudo de distintas patoloxías. En outros ámbitos, como a economía e a enxeñería por exemplo, o grupo SIDOR favoreceu tamén o avance do coñecemento, mediante o desenvolvemento e a aplicación de modelos estatísticos adecuados.
Cal é a perspectiva e experiencia do voso grupo nos procesos de transferencia de tecnoloxía?
Os membros do SIDOR participaron en varias patentes. A vocación do grupo é, con todo, a de contribuír ao avance dun coñecemento que sexa accesible para todos. Desenvolvemos a maior parte do software estatístico no entorno libre R.
Comprendemos, sen embargo, que as empresas teñen restricións en canto á difusión de resultados. Os investigadores do grupo SIDOR participamos en distintos proxectos a nivel nacional e europeo (H2020) con partners do mundo empresarial, e entendémonos perfectamente.
Cales consideras que foron os principais fitos do voso grupo nestes case 20 anos de andaina investigadora? Cales son os vosos retos para o futuro como grupo?
O principal fito foi, sen dúbida, converter o pequeno grupo de Doutores en Matemáticas que era o SIDOR en 1998 nun grupo consolidado de Estatística e Investigación Operativa que xera coñecemento ao máximo nivel. É para nos unha responsabilidade, pero tamén un orgullo.
Consolidamos un fantástico producto formativo a nivel de posgrao: o Máster en Técnicas Estadísticas e o Programa de Doutorado en Estatística e Investigación Operativa e colaboramos impartindo materias de estatística en moitos outros títulos.
Fomos capaces de captar recursos competitivos a nivel nacional e internacional para a investigación, e a calidade do grupo é recoñecida mundialmente. O reto principal de cara ao futuro é estar atentos ás novas necesidades que xera esta sociedade cambiante na que vivimos, para poder seguir dando un servizo útil e conservar o estupendo ambiente investigador que se respira no grupo dende os seus orixes; os investigadores captados ao longo destes anos integráronse extraordinariamente na nosa dinámica, gracias á gran calidade humana do equipo.
Que ofrece CINBIO a un grupo como o voso de cara a maximizar o seu potencial e relevancia internacional?
O potencial do grupo SIDOR e o seu nivel de internacionalización son xa, de por sí, moi elevados. Vemos a participación do SIDOR no CINBIO como unha oportunidade para dar un salto cualitativo na transferencia de coñecemento ao ámbito biomédico. Debemos agora, entre todos, acadar que CINBIO se convirta en moito máis que na suma dos grupos que o integran.
Ademais da vosa participación en CINBIO, en que outras redes ou consorcios de relevancia participades activamente?
O SIDOR participa na Rede Española Matemática-Industria (Math-in), que ten como fin promover a transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo. Algúns dos seus membros pertencen tamén ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (TMATI), que vertebra a nivel galego a realización de proxectos Universidade-empresa no ámbito das Matemáticas.