GL EN

News

Fin da primeira promoción de Early Stage Researchers
03 February 2021

Fin da primeira promoción de Early Stage Researchers

O pasado mes de xuño dabámoslle a benvida á primeira promoción de Early Stage Researchers do CINBIO, varias mozas e mozos con vocación científica que se incorporaron a diferentes grupos de investigación do centro. Durante as últimas semanas chegaron a súa fin estas estancias de seis meses de duración que foron posibles grazas ao cofinanciamento dos fondos Fondos FEDER. Por iso, desde o CINBIO queremos documentar a súa experiencia durante este período.

A través de diferentes entrevistas persoais, todos coinciden en que a súa experiencia foi satisfactoria tanto no ámbito profesional coma persoal, supoñéndolles comezar o seu camiño no mundo da ciencia e abrirse portas, xa que a boa nova é que todos eles puideron alongar os seus contratos e seguen a traballar no CINBIO na actualidade.

Nestas entrevistas, os participantes contáronnos como foi a súa primeira toma de contacto co centro, as labores de investigación que desempeñaron especificamente e que é o que destacarían da súa aprendizaxe ou como valorarían a súa experiencia.

Belén Arjones do TeamNanoTech considera que “é unha gran oportunidade para mellorar e tamén para adquirir experiencia para o futuro se queres traballar nun laboratorio ou seguir na investigación”. Coincide con Javier Freire do grupo de Inmunoloxía, que “recomendaría esta experiencia sen lugar a dúbidas polas posibilidades que se abren a partir de aquí: é un grandísimo punto de entrada para ter unha carreira científica de primeiro nivel”. Doutro lado, Paula Piñeiro do grupo de Química coloidal destaca o valor humano do seu grupo: “tiven un recibimento moi bo no laboratorio, foi moi acolledor e a xente implicouse moito coa miña estancia.”

Proximamente iremos publicando vídeos das diferentes entrevistas a cada un dos oito participantes da primeira promoción de Early Stage Researchers nas nosas redes sociais. Ademais, durante as próximas semanas cada un deles ofrecerá webinars internos sobre as súas investigacións co obxectivo de dar a coñecer o seu traballo e fomentar así as sinerxías dentro do #teamCINBIO.

Agardamos que os testemuños destes participantes animen a aqueles que estean interesados nun futuro na ciencia a participar na próxima promoción!