News
Chegou o mes de febreiro e, como todos os anos, as investigadoras do centro de investigacións CINBIO súmanse á conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F) ofrecendo diferentes actividades dirixidas tanto a alumnado de Primaria e Secundaria como ao público en xeral, co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións.
Charlas e obradoiros en centros educativos
Noelia Flórez Fernández e Mª Dolores Torres Pérez do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible; Mercedes Peleteiro Olmedo, do Servizo de Citometría de Fluxo; Nuria Estévez Gómez e Nair Varela Rouco, do grupo de Filoxenómica; e Margarita Vázquez González e Begoña Puértolas Lacambra, do grupo TeamNanoTech, son as investigadoras do CINBIO que participan na coñecida como Iniciativa 11 de Febrero, impulsada na Universidade de Vigo pola súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación co apoio da Unidade de Igualdade. Baixo títulos como "As macroalgas e as súas propiedades biolóxicas", "O ADN nas túas mans", "Mulleres e Ciencia" ou "Que son e para que sirven as nanocousas? Adentrándonos no mundo da catálise", entre o 6 e o 13 de febreiro, as nosas compañeiras levarán a ciencia e a súa experiencia como investigadoras a preto de 370 estudantes de cinco centros educativos de Galicia por medio de dez charlas e obradoiros.
Elas Fan CienTec en Vigo
O venres 10 de febreiro será o turno da iniciativa "Elas Fan CienTec" que, na súa sétima edición, estará presente un ano máis no centro de investigacións CINBIO a través de obradoiros dirixidos a 40 alumnas do IES A Guía (Vigo) e do IES Pedro Floriani (Redondela), que poderán aprender e experimentar desde a preparación de nanopartículas de ouro, ata a síntese de nanopartículas, o estudo das enfermidades raras, a estabilidade de nanofluidos, a precipitación de proteínas, a extracción de ADN da froita ou determinación do grupo sanguíneo. Nesta ocasión, as investigadoras dos grupos ORCHID, TeamNanoTech, Materiais Magnéticos, FunNanoBio, GAME, Inmunoloxía, Neurocircuits, do Laboratorio de Enfermidades Raras e do servizo de Citometría do CINBIO serán as encargadas de impartir os obradoiros e guiar ás rapazas ao longo de toda a mañá por un percorrido a través dos laboratorios do centro.
eXXperimenta en feminino en Ourense
O mesmo venres 10 de febreiro chega a sexta edición da feira divulgativa coñecida como "eXXperimenta en feminino" impulsada por docentes e investigadoras do campus de Ourense e destinada tanto ao alumnado da provincia de Ourense como ao público xeral que se achegue ese día ata a praza Obispo Cesáreo. Entre as 11:00 e as 18:00 horas, as persoas visitantes poderán coñecer de primeira man o traballo das nosas compañeiras do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, que amosarán no seu posto as materias primas, os produtos intermedios e os produtos finais cos que traballan neste grupo de investigación.
Todo o programa das actividades do #11FnaUVigo pódese consultar na seguinte ligazón.