LUCAS VÁZQUEZ BESTEIRO, NOVO IP JUNIOR
O CINBIO, cofinanciado con fondos FEDER, aposta pola contratación de investigadores/as con talento que poidan aportar unha nova perspectiva ás nosas investigacións. Nesta liña, queremos presentar a unha das nosas últimas incorporacións como IP junior: Lucas Vázquez Besteiro.
O doutor Vázquez Besteiro licenciouse en Física no 2008 pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e despois obtivo un mestrado en Ciencia de materiais na mesma entidade no ano 2010. Ese mesmo ano, comezou o programa de doutoramento na USC, obtendo o título de doutor cunha tese cum laude no 2014. Ademais, entre 2012 e 2015 completou un mestrado en Física de sistemas complexos pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
En canto ao súa traxectoria laboral, no 2014 incorporouse como investigador posdoutoral ao departamento de Física e astronomía da Universidade de Ohio en Estados Unidos. A partir de 2017 comezou a traballar como investigador posdoutoral no Institut National de la Recherche Scientifique de Québec (Canadá), dentro do departamento de Enerxía, materiais e telecomunicacións e no Institute of Fundamental and Frontier Science (IFFS) na University of Electronic Science and Technology de China. Este traballo estendeuse ata 2020, momento no que se incorpora ao CINBIO como IP junior.
Actualmente, a súa investigación céntrase no campo da plasmónica. Segundo este doutor os sistemas plasmónicos son relevantes nun amplo campo na investigación dentro da nanofotónica e foron utilizados en diversas aplicacións, incluíndo a creación de metamateriais con propiedades ópticas exóticas e foto-detectores, mellorando a detección molecular, foto-quecemento en contextos como a purificación da auga ou medicina, a sensibilización de sistemas foto-voltaicos e foto-catalíticos, entre outros.
Se queres saber máis da súa traxectoria e dos seus obxectivos dentro do CINBIO, convidámoste a ver o seguinte vídeo.
⬇️⬇️⬇️⬇️⬇️⬇️