News
Introducir ao profesorado de FP na técnica da citometría de fluxo e no seu uso na práctica clínica, utilizando como modelo o estudo de poboacións CD4-CD8. Este foi o principal obxectivo co que a responsable do servizo de Citometría de Fluxo do CINBIO, Mercedes Peleteiro, se achegou ata o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional – CGIFP Eduardo Barreiros de Ourense, para impartir un curso baixo o título de “Aplicacións da citometría de fluxo na práctica clínica”.
A través de dúas quendas, que tiveron lugar nos meses de maio e xullo, preto de 25 docentes de FP tiveron a oportunidade de achegarse á citometría de fluxo a través dunha sesión teórica, na que se tratou esta tecnoloxía desde o seu funcionamento básico ata as súas aplicacións máis frecuentes, ademais de tratarse temas prácticos como a preparación de mostras ou a importancia dos controis necesarios para facer estudos de citometría de fluxo, así como a introdución á análise de datos.
O curso contou tamén cunha parte práctica na que, a partir de células de bazo de ratón, analizáronse as poboacións de linfocitos T CD4 (T colaboradores) e CD8 (T citotóxicos), como modelo de práctica clínica en casos de persoas con SIDA. O profesorado asistente puido practicar tamén o proceso de compensación de fluorocromos en casos nos que hai solapamento, finalizando cunha análise dos datos obtidos.