News
Continúan os recoñecementos internacionais ao catedrático da Universidade de Vigo e profesor Ikerbasque de CIC biomaGUNE Luis Liz Marzán. Nesta ocasión, as boas novas chegan dende Italia, da man da Accademia Nazionale dei Lincei, quen acaba de nomealo académico estranxeiro na categoría de Ciencias Físicas, Matemáticas e Naturais, nun acto celebrado o pasado venres na sede da Academia en Roma e tras o cal o científico galego impartiu un relatorio no que expuxo as principais claves do seu traballo de investigación.
“Para min é unha honra inmensa ter sido seleccionado para entrar a formar parte dunha institución tan prestixiosa”, subliñou o catedrático galego, ao tempo que fixo fincapé en que, aínda que estes recoñecementos se acostuman facer ao seu nome, “o mérito deberíase repartir cun número cada vez máis grande de científicas e científicos novos que levan a cabo un labor excelente, sen o cal todo isto sería imposible. Todos eles contribuíron a que a nosa ciencia sexa recoñecida como unha referencia no campo”.
Pola súa banda, o presidente da Academia Roberto Antonelli expresou a súa “plena confianza” en que a contribución do profesor Liz Marzán “aumentará o prestixio científico e cultural da Accademia dei Licei”, centro fundado no século XVI e que, ao longo da súa historia, tivo membros tan destacados como Galileo Galilei e varios premios Nobel, tanto italianos como estranxeiros.
Director do grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO (centro cofinanciado por fondos FEDER) e do Laboratorio de Bionanoplasmónica en CIC biomaGUNE, esta distinción chégalle a Liz Marzán apenas uns días despois de conseguir a súa quinta axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), unha ERC Sinergy Grant, que se suma a dúas anteriores ERC Advanced Grants e dúas Proof of Concepts, o que supón un financiamento de forma practicamente continuada do Consello Europeo de Investigación durante 20 anos.
Científico amplamente recoñecido a nivel internacional
Liz Marzán é amplamente recoñecido a nivel internacional polo seu traballo pioneiro en nanociencia, especialmente na síntese e aplicación de nanopartículas plasmónicas. Unha gran parte das súas investigacións máis recentes están relacionadas coas aplicacións médicas das nanopartículas, como a administración controlada de fármacos e a detección precoz de enfermidades.
Combinando estas capacidades cunha gran creatividade, o equipo liderado polo profesor Liz Marzán realizou traballos pioneiros en ámbitos de aplicacións biomédicas relevantes, tan diversos como a identificación de bacterias, a monitorización de fibras relacionadas co progreso da enfermidade de Parkinson, a integración de nanopartículas en modelos 3D a través de bioimpresión e o desenvolvemento de modelos de cancro para investigar mecanismos da enfermidade e o desenvolvemento de novas terapias.
Entre outros moitos méritos, Liz Marzán é Fellow da Royal Society of Chemistry (Reino Unido) e da Optical Society of America (EEUU), académico de número da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, membro correspondente das academias de ciencias de Galicia e de Granada, así como da European Academy of Sciences, membro internacional da National Academy of Engineering de EEUU e doutor honoris causa da Universidade de Amberes.
Entre os numerosos galardóns que recibiu atópanse o Humboldt Research Award; Medalla da RSEQ; Blaise Pascal Medal in Materials Science; o Premio Rey Jaime I; Rhodia Prize da European Colloid and Interface Society; o Premio Nacional Enrique Moles en Ciencia e Tecnoloxía Químicas ou o Premio Fundación Lilly de Investigación Biomédica.
Fonte: DUVI