News
Unha tarde de ciencia para todas as idades. Así foi a experiencia que viviron o pasado venres as preto de 80 persoas que visitaron os laboratorios do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, que ofreceu unha decena de obradoiros experimentais na súa tradicional xornada de portas abertas. Unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (Fondos FEDER) que, como vén sendo habitual, marca o inicio dun novo curso neste centro de investigación e que, xunto con outras actividades a pé de rúa, conforman o ciclo de divulgación científica ‘Ciencia con C de CINBIO’.


O director do CINBIO Miguel Correa foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes
O director do CINBIO, Miguel Correa, foi encargado de dar á benvida ás persoas asistentes, cun abanico de idades dos 4 aos 87 anos, avanzando que a tarde ía estar chea de sorpresas con fin de amosar “o enorme potencial dos nosos grupos de investigación especializados en nanomateriais e biomedicina”. As súas palabras deron paso ao comezo de dúas rutas alternativas polo centro, cada unha con paradas en catro laboratorios diferentes e rematando todas elas nunha actividade final. Co fin de optimizar a participación do público asistente nos diferentes obradoiros, ao longo de aproximadamente tres horas percorreron os corredoiros do CINBIO divididos en pequenos grupos e guiados en todo momento por persoal do centro, co fin de coñecer de primeira man o traballo do seu persoal investigador e experimentar coa ciencia dun xeito ameno e divertido.

Un intre da actividade do grupo Neurocircuits

No laboratorio do grupo TeamNanoTech

Un intre da actividade do grupo Biomimat
Desde sinxelas prácticas sobre a interacción da luz coa nanomateria e a encapsulación de fármacos e nanopartículas en polímeros, ata a extracción de ADN de plátano, pasando por experimentar coa técnica de electrospinning ou descubrir as diferentes áreas cerebrais baixo o microscopio ou os anticorpos como ferramenta de laboratorio. Estas foron algunhas das sorpresas que tiñan preparadas as científicas e científicos dos grupos como o TeamNanoTech (TNT), Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Neurocircuits, o Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) ou o grupo de Inmunoloxía do CINBIO.

No laboratorio do grupo CellCOM

No laboratorio do grupo de Inmunoloxía

Un intre do obradoiro organizado polo grupo FunNanoBio

Obradoiro de extracción de ADN, organizado polo grupo de Filoxenómica
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS