News
As xornadas Falemos de ciencia en igualdade naceron hai cinco anos no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, para poñer en valor a comunicación e divulgación científica facendo especial fincapé no uso da perspectiva de xénero e na visibilización da muller como protagonista na ciencia e na investigación. Como mostra deste firme compromiso co fomento da comunicación inclusiva, esta iniciativa celebrou hoxe venres a súa quinta edición, na que participaron preto de 40 investigadores e investigadoras que asistiron, nunha sesión celebrada no espazo Incuvi, a tres relatorios, un monólogo científico e un coloquio.
As xornadas forman parte dunha formación transversal para deseñar estratexias de comunicación e divulgación das investigacións que teñan en conta a dimensión de sexo-xénero e a perspectiva de xénero. Entre os obxectivos está concienciar á comunidade investigadora e ao estudantado da importancia de facer divulgación e comunicación do traballo de investigación realizado e introducir a perspectiva de xénero na comunicación e na divulgación para promover a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, achegáronse claves para presentar as investigacións de xeito atractivo e captar ao público e concienciouse á comunidade científica feminina da especial importancia da súa divulgación para crear roles en ciencia para nenas e mozas adolescentes, futuras científicas.
Esta actividade desenvolveuse ao abeiro das axudas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.
Tres relatorios, un monólogo e un coloquio
O director do CINBIO, Miguel Correa, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, resaltando o compromiso deste centro de investigación cos valores igualitarios e agradecendo o apoio da Unidade de Igualdade, “esencial para poñer en marcha iniciativas como a que estamos a celebrar hoxe por quinto ano consecutivo”. A directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, felicitou á súa vez ao CINBIO por acadar a quinta edición desta xornada que, sumada a outras como o seu punto violeta, demostran que a perspectiva de xénero xa está instalada neste centro de investigación.
O director do CINBIO Miguel Correa no acto de presentación
Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
Tras o acto de apertura, a primeira intervención correu a cargo de Rocío Benavente, coordinadora editorial de Proxectos de Maldita.es que puxo o foco en como loitar contra a “fenda de papel” e o desequilibrio de xénero nas fontes xornalísticas. Como ela mesma explicaba, as mulleres son menos citadas nos medios como expertas que os homes e fronte a isto, a posta de Maldita é un proxecto específico orientado a aumentar o número de expertas nos seus contidos e na prensa en xeral. “Hai que insistir. Hai que escribir ao dobre de expertas para que o traballo xornalístico quede equilibrado”, resaltaba, porque “se soamente tes fontes masculinas, o traballo estará mal. Faltan perspectivas”.
Rocío Benavente, encargada do primeiro relatorio da xornada
O segundo relatorio foi o de Elena Lázaro, xornalista científica e directora da Unidade de Cultura Científica da Universidad de Córdoba, que incidiu na idea de que a única comunicación verdadeiramente social da ciencia é a que se realiza desde unha perspectiva inclusiva. Na súa intervención expuxo varios casos de éxito na comunicación inclusiva da ciencia, xa que, como ela mesma destacaba ,“a atención á diversidade de xéneros, identidades, capacidades e realidades socioculturais resulta imprescindible para deseñar unha estratexia de transferencia social do coñecemento eficaz”.
De seguido interveu Zoe Seoane, presidenta da asociación No more Matildas e CEO da empresa de I+D de new wearalbles Zoetech. Precisamente, esta experta centrouse no efecto Matilda, que invisibiliza os avances e logros das mulleres científicas ao longo da historia. Seoane analizou os nesgos que filtran e transforman "a realidade coa que conformamos a nosa idea do mundo e a nosa identidade” e que “invisibilizaron as contribucións femininas na ciencia, perpetuando estereotipos e limitando o seu progreso”. Despois dunha pausa, chegou a quenda de Marta Trillo Domínguez, que ofreceu o monólogo científico Paciencia na ciencia. A xornada pechouse cun coloquio sobre a situación da muller na ciencia desde a perspectiva de xénero e experiencias persoais, moderado pola catedrática Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos e membro do Comité de Investigación e Innovación Responsables (RRI), Igualdade e non discriminación do CINBIO.