GL EN

News

26 May 2023O CINBIO celebra unha xornada para falar de ciencia en clave de igualdade

Visibilizar ás mulleres no mundo da ciencia. Este é un dos obxectivos cos que o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) celebrou hoxe a cuarta edición da xornada “Falemos de ciencia en igualdade”, unha acción formativa desenvolvida no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.

Águeda Gómez e Diana Valverde na apertura da xornada

Á visibilización das científicas fixo referencia, precisamente, a subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, no acto de apertura da xornada. Valverde agradeceu o apoio que a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo brinda a este tipo de iniciativas, poñendo en valor “os actos que promoven a divulgación científica desde a perspectiva de xénero, fomentando así unha comunicación máis inclusiva”. Pola súa banda, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, valorou moi positivamente “o papel dun centro de investigación como o CINBIO na visibilización da muller no ámbito científico”, destacando que este ano houbo unha gran concurrencia de propostas ás axudas promovidas pola unidade que dirixe.

Cintia Refojo, responsable da Unidade para o Avance da Comunicación Científica da FECYT

Tras o acto de benvida, Cintia Refojo, responsable da Unidade para o Avance da Comunicación Científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), foi a encargada de dar comezo á xornada coa súa conferencia “Sesgo de xénero en divulgación científica”. “A perspectiva de xénero inflúe de maneira transversal no só na comunicación científica, senón en toda a sociedade”, subliñou Cintia Refojo, ao que engadiu que “os factores que interveñen nesta son complexos e, en ocasións, poden reforzar os sesgos de xénero, tendo consecuencias individuais negativas”. Na súa ponencia incidiu na importancia dos cambios estruturais, aos que tamén fixo referencia Teresa Piñeiro, docente e investigadora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade da Coruña, na súa charla “Por que tan poucas? Visibilizando mulleres ao mando”. “A precariedade laboral do ámbito científico afecta por igual a homes e mulleres”, sinalou Teresa, “mentres que as desigualdes estruturais afectan especialmente ás investigadoras, aumentando o sesgo de xénero e afectando ás vocacións científicas das rapazas pola escasa visibilidade de referentes femininos no ámbito da ciencia”.

Teresa Piñeiro, docente e investigadora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UDC

Na última ponencia, titulada “Impulsando o contido das científicas: ciencia, divulgación e xénero”, Maider Eizmendi, profesora do Departamento de Xornalismo da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), subliñou a importancia do papel dos medios de comunicación na introducción da perspectiva de xénero na comunicación científica, pois, “en moitos casos son a principal fonte de información unha vez rematada a etapa formativa, sendo os principais actores na creación do imaxinario que ten a sociedade arredor da ciencia”.

Maider Eizmendi, profesora do Departamento de Xornalismo da Universidad del País Vasco   

Un coloquio aberto entre as ponentes e o público asistente puxo o punto final a este evento que o CINBIO organiza anualmente desde o  ano 2020 co obxectivo de fomentar o debate e unha comunicación científica máis igualitaria.