News
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, celebrou esta mañá o acto de entrega da segunda edición da súa distinción anual CINBIO Gold Talk, que busca recoñecer o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran co seu traballo diario e co seu discurso. A cita tivo lugar no Hotel Attica 21 de Vigo, que acolleu este especial recoñecemento para á investigadora xermano-estadounidense Nicole F. Steinmetz, profesora da Universidade de California, directora fundadora do Centro de Nano-ImmunoEngineering (nanoIE) e codirectora do Center for Engineering in Cancer dos Estados Unidos, que tivo a oportunidade de ofrecer unha charla coa que inspirou e amosou o seu traballo ás persoas asistentes.
No seu discurso, Nicole F. Steinmetz incidiu na importancia de non renderse na carreira científica. “Miña etapa como deportista de alto nivel ensinoume a levantarme sempre e volver a intentalo ata conseguilo”, afirmou a galardoada, quen aproveitou a ocasión para lembrar a gran necesidade de talento e colaboración. “Nun entorno sen fronteiras como é o da ciencia e a enxeñaría modernas, onde se fusionan diversos campos científicos e nacen outros novos, a ciencia en equipo é un requisito esencial”, sinalou a investigadora, quen rematou o seu discurso reclamando máis colaboración entre os líderes gobernamentais e universitarios para impulsar a innovación e empoderar ás persoas que liderarán a próxima xeración científica.
“O impulso do coñecemento científico é precisamente un dos obxectivos cos que naceu este galardón”, recordou o director do CINBIO, Miguel Correa, nun discurso institucional no que incididiu na importancia de poñer en valor “o papel da ciencia como motor de avance para a sociedade”.
Nicole F. Steinmetz, experta en enxeñaría de materiais para a saúde
Graduada na Universidade RWTH-Aachen de Alemaña, Nicole Steinmetz continúou o seu proceso formativo no Instituto de Investigación Scripps, en La Jolla, California e, posteriormete, doutorouse en Bionanotecnoloxía na Universidade de East Anglia/John Innes Centre, en Norwich, Reino Unido.
O seu traballo de investigación céntrase na enxeñaría de materiais a partir de virus de plantas e está orientado a aplicacións en saúde humana e vexetal, como a distribución de medicamentos e pesticidas, vacinas e inmunoterapias. É autora de preto de 300 artigos en revistas científicas (índice H >70) e inventora de máis de 70 patentes e solicitudes de patentes. Nos últimos 10 anos, a doutora Steinmetz recibiu subvencións como IP e co-IP por un importe total de preto de 50 millóns de dólares.