News
Introducir a perspectiva de xénero na comunicación e na divulgación científica é un dos obxectivos cos que o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, lanza un ano máis a xornada “Falemos de ciencia en igualdade”, que terá lugar en modalidade presencial o venres 26 de maio na sala 1 do Edificio Miralles (campus de Vigo). Sendo esta a súa cuarta edición, trátase dunha acción formativa desenvolvida e patrocinada no marco das axudas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.
Con esta xornada búscase “destacar as bondades da comunicación e da divulgación científica, facendo un especial fincapé no uso da perspectiva de xénero e na importancia de visibilizar á muller, fomentando unha comunicación máis inclusiva”, sinala Diana Valverde, subdirectora do CINBIO, quen engade que se trata “dunha formación transversal para deseñar estratexias de comunicación e divulgación das investigacións que teñan en conta a dimensión sexo-xénero, tal e como recomendan os obxectivos de igualdade recollidos no programa Horizon Europe”.
As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario que xa está dispoñible na páxina web do CINBIO, sendo unha acción formativa aberta ao público xeral, e de especial interese tanto para o persoal investigador do CINBIO como para membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, que poderán validala para o recoñecemento de créditos ECTS.
Tres charlas e unha mesa redonda conforman o programa
Nesta cuarta edición, que dará comezo ás 09:00 horas do venres 26 de maio na sala 1 do Edificio Miralles (campus de Vigo), as persoas inscritas poderán asistir á conferencia “Sesgo de xénero en divulgación científica”, impartida pola responsable da Unidade para o Avance da Comunicación Científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Cintia Refojo, que será a encargada de abrir a xornada a través dunha ponencia enfocada a romper coas limitacións que atopan as mulleres na súa carreira investigadora. Tras ela, Teresa Piñeiro, docente e investigadora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade da Coruña, será quen tome a palabra coa súa charla “Por que tan poucas? Visibilizando mulleres ao mando”, unha reflexión sobre a importancia da creación de equipos e espazos liderados por mulleres. A continuación, Maider Eizmendi, profesora do Departamento de Xornalismo da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), impartirá a última ponencia da mañá baixo o título “Impulsando o contido das científicas: ciencia, divulgación e xénero”.
Tras unha breve pausa, que permitirá ás persoas asistentes compartir as súas experiencias e seguir adquirindo novos coñecementos sobre a materia, un coloquio aberto sobre a situación da muller na ciencia porá o broche final a esta acción formativa organizada polo CINBIO desde hai catro anos.
Na páxina web do CINBIO pódese consultar o programa completo así como o formulario de inscrición.
#HRS4R