GL EN

News

29 June 2023O CINBIO reafirma a súa aposta pola internacionalización a través da colaboración cun centro de Corea do Sur

A misión dun centro como o CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina) é crear e transferir coñecemento e innovación nos campos citados, sempre baixo un enfoque colaborativo e multidisciplinario. No camiño cara a consecución deste obxectivo, “o traballo diario para potenciar a internacionalización do centro é unha das nosas claves estratéxicas”, sinala o director do CINBIO, Miguel Correa, quen engade que “con este esforzo pretendemos impulsar a investigación que se desenvolve no centro e incrementar a súa visibilidade grazas a ampliación da rede de colaboración con centros internacionais”.

A esta estratexia de internacionalización responde precisamente o acordo de colaboración que o CINBIO vén de asinar co Core-Facility Center for Photochemistry and Nanomaterials, da Gyeongsang National University, en Corea do Sur. Coa súa sinatura, o director do CINBIO, e o Myong Yong Choi, director do mencionado centro coreano, materializaron o seu compromiso para desenvolver unha asociación de investigación a través do intercambio e a cooperación entre as dúas institucións.

Entre os puntos clave deste compromiso está o intercambio científico e educativo, ademais da estreita cooperación entre o persoal investigador dos dous centros involucrados, coa intención de poñer en marcha accións específicas que aporten beneficio a ambas partes, tales como o lanzamento de programas de investigación colaborativos ou o intercambio de información e recursos.

Juyeong Kim, do departamento de Química da Gyeongsang National University, xunto con Miguel Correa, director do CINBIO.

O Core-Facility Center for Photochemistry and Nanomaterials é un centro especializado nas áreas de fotoquímica e nanomateriais, respaldado polo Ministerio de Educación do Goberno de Corea, que fortalece a capacidade de I+D dos institutos de investigación, creando un ecosistema de investigación eficiente, que promove o traballo conxunto e fortalece a capacidade de investigación en ciencia básica.