News
Analizar os resultados obtidos no presente ano e poñer en común as liñas estratéxicas que marcarán o traballo do CINBIO para o vindeiro 2025. Estes foron os principais propósitos cos que o persoal deste centro de investigación, especializado en nanomateriais e biomedicina e cofinanciado con fondos FEDER, se reuniu antes das festas do Nadal.
Unha xornada conducida polo director científico do centro Miguel Correa, na que tamén se realizou unha homenaxe ás once investigadoras e investigadores que defenderon a súa tese de doutoramento ao longo deste 2024. Algúns deles, presentes no acto, resaltaron a boa experiencia vivida estes últimos anos no CINBIO, "un espazo de aprendizaxe e colaboración para recordar con gratitude".
Un sorteo final entre as doce fotografías finalistas da IV edición do concurso do CINBIO puxo o broche final ao acto, xunto coa entrega de premios ás dúas fotografías gañadoras. Nesta ocasión os afortunados foron Carlos López Solarat, do Laboratorio de Enfermidades Raras, pola súa fotografía Células spider-man, e Carla Estévez, do grupo FunNanoBio, pola súa fotografía Con O de Ouro. Ambos gozarán dunha mini impresora fotográfica e terán a posibilidade de asistir un congreso da súa elección. CINBIO celebra este concurso desde hai catro anos co fin de promocionar o traballo desenvolvido neste centro de investigación a través de fotografías realizadas polo persoal do mesmo no seu día a día nos laboratorios. As doce fotografías finalistas, elixidas por un xurado especializado, formarán parte do calendario do CINBIO para o vindeiro 2025.
A xuntanza rematou cun pequeno ágape no que o persoal do centro puido compartir as súas impresións e finalizar a xornada pasando un bo rato antes das festas.