News
Unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos científicos. Estes son os principais ingredientes da segunda edición do festival científico “CinVigo. Ciencia na rúa”, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter a Porta do Sol de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía ao longo desta fin de semana.
“Esta proposta de divulgación e promoción científica naceu con vocación de continuidade e, un ano despois, volvemos ás rúas e prazas da nosa cidade co fin de cumprir cun dos obxectivos fundamentais que temos como centro de investigación de referencia: multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación”, subliña Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación.
“Baixo o lema Ciencia na rúa, o que pretendemos con esta iniciativa é trasladar á cidadanía o interese pola ciencia e fomentar que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en Nanomateriais e Biomedicina”, engade Correa.
Máis de 200 estudantes de secundaria exporán os seus proxectos
O prato forte de CinVigo será novamente unha gran feira científica na que preto de 230 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de FP serán os grandes protagonistas presentando os seus proxectos científicos ao público asistente e competindo por uns premios finais. En total exporanse 60 traballos desenvolvidos polo alumnado de 25 centros educativos de toda Galicia. Os equipos participantes exporán os seus proxectos na Porta do Sol e terán a oportunidade de ofrecer as súas explicacións ás persoas que se acheguen aos seus postos ao longo da fin de semana, ademais de defendelos nos chamados “minutos de gloria”, que terán lugar no escenario oficial de CinVigo ás 16:00 horas do sábado e ás 11:00 horas do domingo.
Un dos equipos presentando o seu proxecto na pasada edición
Os proxectos tratarán de demostrar fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia, concursando a través de tres niveis ou categorías de participación: Early researchers para estudantes de 1º e 2º da ESO, Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e ciclos formativos de FP. Os traballos gañadores serán escollidos por un xurado especializado e haberá tamén un premio do público, que poderá votar ao mellor proxecto a través duna aplicación móbil. Os equipos gañadores obterán premios como unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estadía no CINBIO. O horario de apertura ao público da feira científica será de 11:00 horas a 14:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas na primeira xornada do sábado 20 de abril, e de 11:00 a 13:00 horas na xornada do domingo 21. A entrega de premios será o domingo a partir das 13.00 horas.
Obradoiros científicos infantís
Obradoiro infantil da pasada edición
Os máis cativos e cativas da casa, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, poderán ser investigadoras e investigadores por un día grazas aos obradoiros infantís nos que poderán xogar, gozar e aprender a través de actividades deseñadas baixo unha metodoloxía de aprendizaxe activo que os converterá nos verdadeiros protagonistas. Experimentar con espuma, contagotas, vasos medidores, area maxia e outros materiais sensoriais serán algunhas das experiencias que lles permitirán descubrir o mundo da ciencia. Unha gran carpa acollerá estes divertidos experimentos, que estarán dispoñibles de 11:00 a 14.00 e de 16:00 a 19:00 horas durante a xornada do sábado 20 e de 11:00 a 14:00 horas o domingo 21 de abril. Para poder participar, de xeito gratuíto, será necesario inscribirse previamente a través desta ligazón. A inscrición estará aberta ata este venres 19 de abril ás 12:00 horas.
Detectives na xincana CinVigo Holmes
Os máis curiosos e curiosas poderán converterse en detectives por un día e descubrir a ciencia dunha maneira emocionante na xincana “CinVigo Holmes” polas rúas de Vigo, organizada polo CINBIO e adaptada a persoas con diversidade funcional grazas á colaboración da asociación DisCamino. Esta actividade, pensada para que a mocidade (de 12 a 17 anos) e o público familiar amosen as súas habilidades nun xogo de pistas, dará comezo o sábado ás 16:00 horas e concluirá ás 18:45 horas cun desafío final. Para participar é preciso realizar inscrición previa desde a páxina web do evento.
Espectáculos, radio en directo e maxia completan a axenda de actividades
O programa de actividades da segunda edición de CinVigo completarase con outras actividades paralelas. Na xornada do sábado, circularán pola Porta do Sol as propostas itinerantes “Maxia de preto” e “Ciencia exprés”. Ademais, ás 17:00 horas do sábado, o público poderá asistir á realización en directo do programa “Efervesciencia” da Radio Galega; ás 18:00 horas será o turno do espectáculo de maxia, unha proposta na que a maxia se fusiona coa música, a tecnoloxía e o humor; e a primeira xornada concluirá co espectáculo “Cienceando”, que conta coa colaboración da FECYT, e que a partir das 19:15 horas ofrecerá un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares que permitirán, por exemplo, coñecer a natureza do lume.
Espectáculo científico na pasada edición
O escenario de CinVigo tamén estará cheo de vida na xornada do domingo 21 grazas aos “minutos de gloria” protagonizados polo estudantado participante na feira científica e a unha nova sesión do espectáculo “Cienceando”, que dará comezo ás 12:00 horas.
Paralelamente, as persoas que se acheguen a Porta do Sol poderán visitar postos informativos e divulgativos do CINBIO e coñecer de preto a labor investigadora desenvolvida polas científicas e científicos deste centro de investigación, especializado en Nanomateriais e Biomedicina.
“CinVigo. Ciencia na rúa” é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais de contar co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, Portomédica, Büchi, Jasco, EcoClima, Termocalor, Leboriz, Fisher, , Frutas Nieves, El Corte Inglés, Radio Vigo, Coca Cola, Vodea, Service-Lab entre outras entidades, que se suman á colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación.