GL EN
Twitter bSky

News

08 April 2026O IX CINBIO Annual Meeting reforzará a conexión entre biomedicina e os nanomateriais

O IX CINBIO Annual Meeting quenta motores coa vista posta en consolidarse como un encontro de referencia no ámbito da investigación multidisciplinar. A novena edición deste congreso, impulsado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade e pertencente á Rede CIGUS, busca reforzar o seu papel como espazo de excelencia no que converxen a ciencia de materiais e a biomedicina. 

O principal obxectivo desta edición é poñer en valor a fortaleza multidisciplinar do centro, promovendo o intercambio de coñecemento entre persoal investigador consolidado e novos talentos. A intención é que as persoas asistentes non só coñezan os avances máis recentes, senón que tamén marchen con novas ideas, colaboracións en marcha e unha visión clara das aplicacións actuais e futuras da ciencia de vangarda. 

Baixo o lema “Shaping the Future – Bond by Bond, Cell by Cell”, o congreso quere reflectir ese espírito de conexión entre disciplinas e xeracións científicas. “Queremos conectar a expertos consolidados coas mentes máis novas para reflexionar sobre as innovacións que están a transformar a biomedicina e a nanotecnoloxía”, sinala Valeria Zoni, investigadora do CINBIO e membro da organización. 

O programa científico destaca pola súa diversidade temática e contará coa participación de relatoras como Fiona Freeman (Universidade de Dublín), Agustin Mihi (ICMAB-CSIC), Mónica Giménez (ICMOL, Universidade de Valencia), Paula Gómez (Universidade de Bordeaux  e Ferrán Nadeu (IDIBAPS) entre outros por confirmar.  Ao longo das xornadas abordaranse cuestións que van desde a neurociencia, a inmunoloxía ou a bioinformática ata a síntese química. Entre os temas máis innovadores inclúense a química supramolecular, a autoensamblaxe de sistemas funcionais, os avances na enxeñaría de tecidos para o estudo de tumores e o uso de arquitecturas fotónicas para o diagnóstico avanzado. Estes enfoques amosan o papel clave da nanotecnoloxía no tratamento de enfermidades complexas como o cancro ou os trastornos cognitivos.  

Apertura de inscricións para rexistro e participación 

O encontro tamén ofrecerá múltiples oportunidades para o persoal investigador novo, especialmente para o estudantado de doutoramento, que poderá presentar os seus traballos en formato de comunicacións curtas ou pósteres. Estas sesións permitirán non só dar visibilidade ás súas investigacións, senón tamén recibir valoracións e establecer novas colaboracións nun contorno internacional. 

O rexistro no congreso estará aberto desde este 6 de abril, coa posibilidade de enviar resumos ata o 15 de maio e de formalizar a inscrición ata o 22 de xuño a través da web do evento, onde tamén se publicará o programa definitivo.  

Espérase reunir entre 150 e 180 asistentes, maioritariamente estudantes predoutorais, aínda que tamén se prevé a presenza de persoal investigador de diferentes institucións galegas e portuguesas, consolidando así o carácter internacional do encontro. 

Un reto anual para a organización 

O comité organizador do evento conta con trece investigadoras e investigadores que traballan arreo para conseguir un congreso científico de alto nivel, dinámico, e sobre todo inspirador para a xuventude: “A nivel persoal, está a ser un gran reto e unha aprendizaxe constante. Para nós ten un significado especial porque o congreso está organizado integramente por persoal posdoutoral”, destaca Valeria Zoni. Pola súa banda, Carlos Renero, tamén do comité organizador, subliña tamén a complexidade da organización, especialmente no eido económico, ao tratarse dun evento gratuíto cun orzamento limitado. 

Tras nove edicións, o CINBIO Annual Meeting continúa medrando e consolidándose como unha cita fixa no calendario científico, cunha participación recorrente de persoal investigador de distintas institucións. O obxectivo segue a ser claro: demostrar que a ciencia que se desenvolve no ámbito local é altamente competitiva e que a súa maior fortaleza reside na colaboración entre disciplinas. 

O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.

#11F #teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS