GL EN
Twitter bSky

News

29 January 2026Os Premios Fundación Barrié-RAGC recoñecen o traballo da investigadora do CINBIO María Mayán

Este mércores o compostelán Pazo de San Roque acolleu a entrega dos Premios de investigación Fundación Barrié-RAGC, unha gala na que se entregan os premios ás mellores investigacións feitas en Galicia e que, nesta ocasión, trouxo para a UVigo o Premio en Ciencias Básicas para un proxecto liderado desde o CINBIO (centro pertencente á Rede CIGUS) pola investigadora María Mayán no que se busca unha nova diana terapéutica contra o cancro, e o Premio á mellor investigación en Ciencias Sociais para un estudo dirixido a reducir o impacto ambiental do comercio electrónico,  realizado pola investigadora da Escola de Enxeñería Industrial, Iria González.

Na busca de novas opcións terapéuticas contra o cancro

O proxecto liderado desde o CINBIO por María Mayán, responsable do grupo de investigación CellCOM, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, céntrase na identificación dunha proteína como unha potente diana terapéutica para loitar contra un tipo de mutación xenética presente en cancros como o melanoma, o de mama ou o colorrectal. Amósase capaz de frear o crecemento de certos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos. “A resistencia ao tratamento é un dos retos máis importantes en oncoloxía, por iso proxectos encamiñados a entender os mecanismos implicados e a buscar solucións son tan relevantes para poder chegar a curar o cancro ou, polo menos, cronificalo”, salientou a investigadora, ao tempo que resaltou que “esta investigación exemplifica o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”.

"A ciencia non avanza a base de xestos espectaculares"

A entrega de premios contou coa asistencia do presidente da RAGC, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. Acompañáronos diversas autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia,  Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.  

Juan Lema reafirmou na súa intervención “o papel da ciencia como elemento central do progreso da nosa sociedade, como motor de desenvolvemento social, económico e cultural”. E puxo de relevo que “a ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso”. Manifestou, así mesmo, que “a RAGC forma parte dese esforzo colectivo por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común, capaz de responder aos retos do presente. As múltiples distincións e recoñecementos recibidos polas nosas académicas e académicos son motivo de orgullo colectivo, pero tamén unha proba clara da solidez e do nivel da ciencia que se fai en Galicia”.

Fonte: DUVI