GL EN

News

06 October 2023Persoal do CINBIO participa nunha divertida competición para fortalecerse como equipo

Aplicar a creatividade e aportar material de refugallo ou calquera tipo de obxecto curioso. Estas eran as únicas indicacións iniciais coas que contaba o persoal investigador do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, para participar nunha actividade de team building promovida co obxectivo de fomentar a interacción entre o persoal dos diferentes grupos de investigación e favorecer a creación de sinerxías e o xurdimento de proxectos multidisciplinares.

O evento, que tivo lugar este venres no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, reuniu a gran parte do CINBIO nunha xornada "para mellorar o traballo en equipo e para estreitar lazos", explica o director do centro, Miguel Correa. Así, divididos en equipos diversos de tres ou catro persoas, nos que se mesturaba a persoal de diferentes grupos de investigación, as e os participantes tiveron que improvisar e empregar toda a súa creatividade para deseñar curiosos robots que acabarían enfrentándose nunha competición en forma de hebocon.

Antes de construír o seu robot, as e os integrantes de cada equipo tiveron que entrevistarse, co fin de coñecerse mellor e de trasladar as súas características ao seu autómata. Tras competir en diferentes eliminatorias, os equipos eliminados podían sumarse aos vencedores, chegando entre todas e todos a unha gran "batalla final".

“A través desta acción pretendemos reforzar o sentimento de pertenza a un centro de investigación como o CINBIO, especializado en nanomateriais e biomedicina”, explica Correa, quen sinala que "houbo moito implicación por parte dos equipos participantes".