GL EN

News

20 November 2023Persoal do CINBIO participará nun estudo para mellorar a xestión da mexilla no litoral galego

Persoal investigador do grupo de Inmunoloxía do CINBIO, liderado pola investigadora África González, colaborará nun estudo para a identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón, unha ferramenta que permitirá obter información sobre a evolución do recrutamento de semente do molusco nas rochas do litoral galego. O obxectivo é facer fronte á problemática que nos últimos anos está a vivir o sector bateeiro galego, con serias dificultades para abastecerse da semente de mexillón debido á menor densidade de mexilla nas rochas do noso litoral e ao incremento do desprendemento da mexilla que crece nas cordas das bateas.

Este proxecto de identificación e marcaxe de larvas implica, ademais de á Universidade de Vigo, ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e ao Centro de Investigacións Mariñas da Consellería do Mar, CIMA. Corresponde ao Intecmar a recollida das mostras para posterior envío ao laboratorio de Inmunoloxía do CINBIO, onde as e os investigadores da UVigo se encargarán de realizar as tarefas de identificación e contabilización larvaria, así como de descrición da cantidade de larvas por unidade de volume e mostraxe e en cada un dos estadios larvarios presentes nas mostraxes. Da coordinación e interpretación dos resultados encárgase o CIMA. 

A participación do grupo de Inmunoloxía do CINBIO é posible grazas á sinatura dun convenio de tres anos de duración entre a Universidade de Vigo e a Consellería do Mar, que reforza o acordo precedente que expiraba antes de finais deste ano. 

Fonte: DUVI

Esta nova foi publicada en varios medios de comunicación: