News
Estimular o desexo de aprender e compartir unha tarde chea de ciencia e diversión. Este foi o principal obxectivo co que Lucas Vázquez e Elizabeht Cepero, investigadores do grupo TeamNanoTech do CINBIO, visitaron este martes aos rapaces e rapazas que forman parte do programa "Guindastres", promovido polo Plan Comunitario de Teis, en Vigo. Esta coordinadora de barrio dirixe este proxecto a menores do barrio de Teis, co fin de ofrecerlles apoio educativo, emocional, lúdico, comunitario e integrador, fomentando o desenvolvemento das súas habilidades sociais e potenciando a súa integración co entorno no que viven.
Grazas a esta colaboración co persoal investigador do CINBIO, centro cofinanciado con fondos FEDER, preto dunha quincena de rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos gozaron dunha tarde diferente na que activaron a súa curiosidade. A través de varios experimentos e demostracións puideron achegarse a temas relacionados cos magnetofluídos, coa refracción da luz, á simulación de fabricación de nanocápsulas ou ás partículas que estudan no grupo TeamNanoTech.
Desde o CINBIO agardamos que fora unha experiencia enriquecedora para todo o grupo e que a súa curiosidade non pare de medrar.