News
Un setembro máis, e van cinco, a G-Night volveu levar ás rúas e prazas de Galicia a ciencia e a creatividade para celebrar e encher de luz a Noite das Persoas Investigadoras. Esta iniciativa, que se desenvolve de xeito simultáneo en todo o planeta, busca sacar a investigación dos laboratorios e achegala á cidadanía, para que tanto a cativada como as persoas adultas poidan coñecer, dun xeito lúdico, entretido e sobre todo interactivo, o impacto real que a actividade científica e tecnolóxica ten na sociedade.
En Galicia a programación implicou a máis dunha ducia de institucións baixo a coordinación da Universidade de Vigo e comprendeu arredor de 200 propostas espalladas por rúas, museos, organismos de I+D e bares das sete principais cidades de Galicia durante a tarde e a noite deste venres. Ademais da UVigo, na G-Night en Galicia están implicadas as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (Iegps, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o Inibic, IDIS, CITMAga, Cesga e Ecobas. G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través de Gain, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Unha feira científica para todos os públicos
Onde máis se evidenciou o vínculo entre ciencia e cidadanía foi no Berbés, en Vigo, xa que a súa praza e o edificio Redeiras foron o epicentro da G-Night coa celebración da tradicional feira científica, nesta ocasión cunha trintena de obradoiros e talleres para todas as idades. O fío condutor da xornada foi a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, baixo o lema Conciencias creativas.
A partir das 5 da tarde foron moitas as familias que se achegaron a esta zona da cidade para coñecer, dun xeito interactivo, lúdico e próximo, diferentes liñas de traballo que desenvolven os grupos de investigación da UVigo. O reitor, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, a secretaria xeral, María José Bravo Bosch e a xerenta, Yolanda Lesmes, acudiron tamén a esta cita, na que o persoal investigador da institución foi o encargado de guiar os talleres, as charlas e os experimentos pensados para público de todas as idades.


O persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, foi parte activa desta festa da ciencia, ofrecendo ao público asistente obradoiros e actividades temáticas dispares como a evolución molecular, o misterio do efecto invernadoiro ou a nanociencia. Todas elas organizadas polo grupo de Evolución Molecular Computacional, o grupo de Nanomateriais Híbridos, o de Física e Química de Materiais, o grupo de NanoBioMateriais Funcionais, o de Nanomateriais Biomiméticos e o TeamNanoTech.


Todas estas actividades na cidade olívica contaron co apoio do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia e co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo.
Fonte: DUVI
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS