News
O etileno, un precursor do plástico, é un compoñente fundamental da industria química. Porén, a actual produción insostible deste composto xera grandes emisións de CO₂. A procura dunha alternativa ecolóxica aos métodos baseados en combustibles fósiles é o principal obxectivo co que se puxo en marcha o proxecto europeo MemCat (Síntese de etileno asistida por membrana sobre catalizadores tándem nanoestructurados, do inglés Membrane-assisted Ethylene Synthesis over Nanostructured Tandem Catalysts), unha iniciativa financiada integramente pola Unión Europea a través da convocatoria EIC Pathfinder Open para o programa Horizonte Europa e coordinada polo International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), de Braga (Portugal), completando o consorcio outras seis institucións, entre as que se atopa CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.
MemCat arrancou este mes de maio e, cunha duración de 48 meses, prolongarase ata finais de abril de 2028, formando parte do consorcio a University of Jyväskylä (Finlandia), Eindhoven University of Technology (Países Baixos), The Max Planck Society (Alemaña), a University of Calabria (Italia) e a entidade 1 CUBE BV (Países Baixos). A Universidade de Vigo, a través do CINBIO, é a única participante española con Laura Salonen, do grupo de Nanomateriais Híbridos, como investigadora principal, e cun orzamento de 340.625 euros para a súa tarefa.
Obxectivos principais do proxecto e achega do CINBIO
O proxecto MemCat ten como principal obxectivo acadar unha innovación revolucionaria que permita a síntese de etileno directamente a partir de CO₂ empregando catalizadores tándem nun reactor de membrana, proporcionando así unha alternativa ecolóxica aos métodos baseados en combustibles fósiles. O desenvolvemento de catalizadores, o estudo dos procesos catalíticos mediante métodos computacionais e experimentais, o desenvolvemento de membranas de nanocompostos ou a construción dun prototipo do reactor de membrana, son algunhas das tarefas que levarán acabo os sete socios do proxecto para acadar o seu ambicioso obxectivo, coa perspectiva de, a longo prazo, poder facilitar o acceso a polímeros verdes proporcionando precursores plásticos con carbono negativo, empregando CO₂ antropoxénico e hidróxeno verde.
Pola súa banda, o equipo do CINBIO, formado pola investigadora Laura Salonen, o investigador posdoutoral Balkaran Singh Sran e o estudante de doutoramento Mohammad Izad Panah Ostad, encargarase do deseño e a síntese de nanomateriais para as membranas de nanocompostos. Isto, en palabras da investigadora principal do CINBIO Laura Salonen, “permitirá a separación eficiente de etileno doutras moléculas segundo o seu tamaño, de forma que este produto poida obterse con alta pureza”. Esta tarefa levarase a cabo en estreita colaboración co equipo da University of Calabria, que desenvolverá as membranas de nanocompostos, e co equipo da Eindhoven University of Technology, que está a desenvolver o reactor de membrana.
O proxecto MemCat conta cun equipo altamente interdisciplinar, formado por expertas e expertos nos campos do desenvolvemento dos nanomateriais, a catálise ou a química computacional, así como do desenvolvemento de membranas e reactores de membrana. “Formar parte deste equipo é unha gran oportunidade”, comenta a investigadora do CINBIO Laura Salonen, quen subliña a gran motivación que supón “traballar no apaixonante obxectivo de crear unha nova tecnoloxía que permitirá a produción sustentable de compostos químicos básicos”.