GL EN

News

25 September 2024Persoal investigador do CINBIO participará nunha nova edición da G-Night

Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro venres 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións. Un ano máis, o persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, sumarase a esta gran festa da ciencia.

Conciencias creativas é o lema baixo o que se celebrará o evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. A Noite Galega das Persoas Investigadoras conta para a súa celebración con recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.

Gran feira científica, charlas divulgativas e obradoiros en Vigo

O edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da G-Night en Vigo. Entre as 17.45 e as 22.00 horas desenvolverase en Redeiras unha gran feira científica, con máis de 20 postos e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. As persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica. Pola súa banda, o Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) do CINBIO ofrecerá o divertido obradoiro 'Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico', no que o público poderá explorar as posibilidades cromáticas das partículas, ademais de realizar experimentos combinando as nanopartículas sintetizadas coa técnica de reaccións inmunolóxicas en fluxo lateral (test de detección rápida de diferentes antíxenos).

En paralelo á feira científica, desenvolverase outras actividades, como a charla divulgativa  'Que ten que ver Darwin co cancro?' a cargo de David Posada, líder do grupo de Filoxenómica do CINBIO, que falará dos procesos de evolución celular e a súa relación con enfermidades coma o cancro.

Fonte: DUVI