GL EN

News

18 July 2024Persoal investigador e estudantado comparten coñecementos e proxectos na 7ª edición do Annual Meeting de CINBIO

“É tempo para a ciencia”. Con esta frase remataba Miguel Correa, director do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), cofinanciado con fondos FEDER, a súa intervención esta mañá na inauguración do 7ª Annual Meeting do centro, que se desenvolve este xoves e mañá venres no edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo. Preto de 200 persoas, entre investigadores e investigadoras nacionais e internacionais e estudantes posdoutorais participan na xuntanza, na que compartirán e discutirán os resultados dos seus traballos académicos e proxectos relacionados co cancro, nanomateriais, inmunoloxía o química. “Destaco a multidisciplinariedade do evento que é unha boa idea para compartir novos proxectos e actividades”, dixo a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio na inauguración do evento, na que gabou o labor de organización do persoal investigador posdoutoral do centro, dos que dixo “son o futuro da nosa universidade”.

Belén Rubio e Miguel Correa durante a inauguración do encontro

Nove investigadores e investigadoras posdoutorais e catro técnicas integran o comité que este ano organizou a Annual Meeting, na que participan unha ducia de relatores e relatoras convidados, procedentes de Alemaña, Suíza, Francia e España, cuxas intervencións se intercalarán coas denominadas short talks, nas que o estudantado de doutoramento terá ocasión de presentar os seus traballos. Xosé Bustelo, do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca, foi o primeiro en intervir, seguido de Arkaitz Carracedo, investigador no CIC bioGUNE e Iria Gómez do CIMUS da USC. Pola súa banda, na sesión de tarde Jeff Mold, do Instituto Karolinska (Suecia) coas súas presentacións arredor da súa investigación sobre o cancro, será o primeiro en intervir. Seguirano Emiliano Cortés, investigador en nanomateriais na Universidade Ludwig Maximilians de Múnich e pechará a primeira xornada Marisol Soengas, investigadora do CNIO. Abrirá os relatorios do venres Jochen Feldmann, profesor e experto en fotónica e optoelectrónica na Universidade Ludwig Maximilians de Múnich en na mesma xornada intervirán Ana Margarida Esteves do INL de Braga; Félix Freire investigador no departamento de Química Orgánica do CIQUS (USC); Encarnita Mariotti-Ferrandiz, especialista en inmunoloxía e investigadora na Universidade da Sorbona (Francia) e pechará as ponencias  investigadora María Guix, experta en nanotecnoloxía na Universidade de Barcelona.

Xosé Bustelo, do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca, foi o primeiro en intervir

Belén Rubio destacou a calidade destes poñentes, “o que é moi bo para incrementar a reputación da nosa universidade”, ao tempo que incidiu a importancia da continuidade do evento. A vicerreitora da Investigación tamén aproveitou a inauguración da xuntanza anual para destacar o bo papel que CINBIO está a realizar na transferencia de coñecemento, “con actividades coma esta e outras que permiten que a sociedade coñeza que facemos as e os investigadores na universidade e tamén que é o CINBIO”. 

O evento dos investigadores novos

O Annual Meeting, que conta este ano, por vez primeira, coa participación de responsables do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación da UVigo, Cacti, co obxectivo de dar a coñecer as liñas de investigación que desenvolven os grupos e mostrar os servizos que ofrecen, arrancou en 2017, sempre organizado polo persoal investigador posdoutoral do CINBIO. O director do centro, Miguel Correa, asegura que esta sétima edición é moi especial polo número de participantes e poñentes, “algúns que xa sodes parte da nosa familia, pero para quen non o sodes, somos un centro que investiga cunha dobre perspectiva: biomedicina e nanomateriais. Por iso se mirades o programa veredes diferentes temas, pero non vos preocupedes se vos mirades lonxe dos vosos campos, porque a idea do centro é usar o coñecemento dunha área e aplicalo a outras diferentes”.

Foto de familia da VII edición do CINBIO Annual Meeting

Correa refírese ao encontro como “unha magnífica oportunidade para fomentar as sinerxías entre persoal investigador de diferentes centros e países fomentando as colaboracións e o networking entre participantes. E dende o CINBIO queremos seguir fomentando e apoiando este tipo de iniciativas”. Ademais, o director do centro considera esta unha oportunidade única para o estudantado de doutoramento, “que ten ocasión de presentar os seus traballos nas short talks compartindo escenario con outros científicos e científicas convidadas de reputada experiencia nos seus campos”, razón pola que os animou a participar activamente nas sesións aproveitando os coñecementos dos e das poñentes.

Imaxe da zona de pósters

A organización do evento con algunhas das persoas relatoras

Lara Diego, do INL, gañadora do mellor póster

Ana Martins, do INL, gañadora da mellor "short talk"

Fonte: DUVI