GL EN

News

24 November 2021Portas abertas CINBIO

Entre o 1 e o 19 de setembro de 2021 e con motivo da Semana da Ciencia, no CINBIO realizamos diferentes actividades para darnos a coñecer entre a sociedade. Así, o ciclo “Ciencia con C de CINBIO” dividiuse en tres bloques temáticos: “CINBIO na rúa”, “CINBIO na escola” e “Vén ao CINBIO”.

En primeiro lugar, e como parte de "CINBIO na escola", enviáronse a diversos institutos packs nos que se incluía a unidade didáctica "Queres investigar connosco?" e un lote de gafas 3D para que os alumnos puideran acceder á nosa realidade virtual. Con este material, tratamos de chegar ás aulas facendo que os profesores e profesoras acercaran o mundo da investigación e da ciencia ao alumnado mediante a realización dos experimentos incluídos na unidade didáctica. Institutos como o IES de Beade, o IES de Valladares ou o IES A Guía son só un exemplo de todos os que se animaron a realizar unha clase distinta través da nosa iniciativa.

 

Por outro lado, no bloque “CINBIO na rúa” membros do #teamCINBIO estiveron informando aos transeúntes sobre o centro os días 4 e 9 de setembro en Ourense e Vigo respectivamente. Ademais, aquelas persoas que se achegaron ao noso stand puideron participar nun concurso científico e levarse o noso merchandising como premio.

Dentro de "Vén ao CINBIO", o xoves 11 abrimos o propio centro a un total de 60 persoas de todas as idades que, divididas en dez grupos, puideron coñecer os nosos laboratorios da man do propio persoal investigador do CINBIO. Fixéronse dúas rutas científicas, ambas centradas na biomedicina e a nanotecnoloxía: pasaron polos nosos grupos Neurocircuits, GAME, FunNanoBio, Filoxenómica, SING, Inmunoloxía, Neurociencia, TeamNanoTech e ORCHID. Finalmente, os asistentes acabaron o recorrido en tres caterings diferentes e marcharon con merchandising CINBIO e camisetas exclusivas do noso centro.

Este mesmo tipo de actividade repetiuse o xoves 18 na Facultade de Ciencias de Ourense, onde case unha vintena de persoas puideron coñecer de primeira man o traballo realizado polo grupo SING e converterse en científicos a través dos experimentos propostos polo grupo EQ-2.

Como parte máis deportiva deste ciclo de actividades, o sábado 13 tamén se realizou no campus de Vigo unha gincana científica. Esta non foi unha carreira de orientación ao uso, senón que para poder rematala era necesario superar diferentes probas científicas. Esta actividade foi a de máis éxito, pois acudiron a ela un total aproximado de 200 persoas de todas as idades.

Podes atopar o álbum completo de fotos destas actividades no noso Facebook e ademais, algúns medios como o DUVI fixéronse eco de todas estas iniciativas. Desde CINBIO, estamos moi satisfeitos cos altos resultados de participación nas nosas xornadas, e esperamos que a sociedade siga tan disposta a achegarse á ciencia de cara ao ano que vén.