News
Proxecto SERSing - Reunión inicial
O pasado 9 de setembro celebrouse a reunión inicial que marcaba o inicio do proxecto SERSing: “Advanced Surface Enhanced Raman Spectroscopy (SERS) based technologies for gas and liquids sensING in the area of chemical protection”, financiado polo programa Horizon 2020. Nesta iniciativa, que conta con membros de diferentes partes de Europa, tamén está a participar o noso grupo de Química Coloidal.
A duración aproximada deste proxecto será entre catro e cinco anos, sendo o seu obxectivo fundamental permitir unha rápida detección e identificación de perigos químicos (líquidos ou gasosos) a baixas concentracións en múltiples áreas. Para conseguilo, adquiriranse datos xeolocalizados que posteriormente serán subidos e procesados a unha plataforma de aprendizaxe online. Deste modo, a información sobre ameazas e perigos será transmitida ao persoal autorizado, xerando así alertas no lugar do incidente a tempo real.
Os microdispositivos de detección estarán integrados en equipos manuais Raman de baixo peso compatibles cos equipos de primeiros auxilios, tendo como principal característica a súa facilidade de uso e baixo custo de mantemento. O espectrómetro Raman combinará tecnoloxías de xeolocalización e comunicación especificamente adaptadas para o rápido cribado do medio ambiente. Así mesmo, estes dispositivos tamén poderían ser montados en unidades robóticas para informar sobre posibles perigos químicos antes de enviar persoal humano a un lugar contaminado.
Tamén podemos situar outro tipo de aplicacións deste dispositivo no mundo das ferramentas forenses. Por exemplo, naquelas utilizadas in situ para determinar a natureza química dunha mostra e así decidir se recollela ou non para a análise no laboratorio; ou no perfilado de axentes químicos liberados nun laboratorio co fin de comprender mellor os perigos a man dentro dentro do mesmo.
En definitiva, o proxecto SERSing é unha iniciativa que ten como obxectivo a protección da seguridade dos cidadáns. O encargado de coordinalo é o doutor Tomas Rindzevicius de Simelco, en colaboración con universidades e organización doutros países como España, Dinamarca, Suecia, Países Baixos ou República Checa.