GL EN

News

15 March 2022STEMbach no TeamNanoTech

O 9 e o 15 de marzo de 2022 o TeamNanoTech recibiu a visita de alumnado do STEMbach de diferentes institutos: o IES Repúbica Oriental de Uruguai de Vigo e o IES Ramón Cabanillas de Cambados. Alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato visitaron o laboratorio do grupo para realizar o seu proxecto arredor da nanotecnoloxía. Begoña Puértolas e Margarita Vázquez foron as encargadas de guiar os procesos do alumnado no laboratorio.


Cada un destes proxectos ten tres facetas: a primeira é a introdución do estudantado á nanotecnoloxía, facendo fincapé nos cambios das propiedades ópticas dos materiais cando se forman con tamaños na nanoescala. A segunda consiste en ofrecer unha experiencia de primeira man do proceso de fabricación e caracterización de nanoestruturas semicondutoras, tamén coñecidas como “puntos cuánticos” ou “quantum dots”. A terceira ten por obxectivo contextualizar a fabricación destes materiais en aplicacións de relevancia social polas súas implicacións no medio ambiente e a saúde, tomando como exemplo o seu emprego coma sensores de metais pesados, mostrando e explicando este comportamento.


Así, o alumnado puido observar de primeira man tecnoloxías que son cada día máis relevantes na nosa sociedade. Por exemplo, observaron o fenómeno de que un material cambie de cor simplemente por cambiar o seu tamaño, aprenderon procesos sinxelos para a súa fabricación, ou fabricaron puntos cuánticos e experimentaron como reaccionan ao seu entorno dun modo que podemos apreciar a simple vista.
Todos estes experimentos estiveron acompañados de explicacións teóricas adaptadas ao nivel do estudantado. Ademais, introducíronse un número reducido de conceptos novos, tales como a banda de enerxías prohibidas nun semicondutor e o efecto do “confinamento cuántico.”

Aquí tes algunhas fotos da visita: