GL EN

News

27 May 2024The Thinking Institute volve en xuño para consolidarse como cita internacional do coñecemento en nanociencia

Crear un espazo distendido de intercambio de ideas no que discutir a ciencia cunha mente aberta. Este é un dos principais obxectivos cos que o catedrático e investigador do CINBIO Luis Liz Marzán pon en marcha a terceira edición de The Thinking Institute, un encontro internacional que contará coa presenza de especialistas de primeiro nivel nos eidos da nanociencia, a nomedicina ou a nanoquímica.

A cita, que conta por terceiro ano consecutivo co apoio do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), cofinanciado con fondos FEDER, terá lugar os días 5 e 6 de xuño no edificio Miralles do campus de Vigo, que acollerá as ponencias de sete expertas e expertos de diferentes lugares do mundo, como Michigan, Amberes ou Liverpool, entre outros.

O centro deste debate será a actualidade da investigación arredor dos nanomateriais e as súas perspectivas de futuro. “Unha das novidades deste ano”, adianta o investigador do CINBIO Luis Liz-Marzán, “é que os relatorios non se limitarán a presentacións científicas, senón que tamén se incluirán temas más transversais como a carreira científica ou a transferencia de tecnoloxía e a creación de empresas de base tecnolóxica”. Nesta terceira edición preténdese aumentar e mellorar a interacción das persoas relatoras co público asistente, e xerar así “un formato distendido onde haxa unha maior confianza e participación por parte do persoal investigador máis novo, proporcionando un espazo para charlas informais, fóra das sesións propias dos relatorios” destaca o organizar desta iniciativa.

Sete especialistas mundiais e un concurso para promover a innovación

Nesta edición, conformarán o panel de relatores un total de sete expertos e expertas nos eidos da nanociencia, a nanomedicina e a nanoquímica: Nicholas Kotov (University of Michigan); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Sara Bals (University of Antwerp); Mathias Brust (University of Liverpool); Thomas Hellweg (University of Bielefeld) e o propio Luis Liz-Marzán (CIC BiomaGUNE e CINBIO).

A cita será o 5 e 6 de xuño no edificio Miralles

Outra das novidades deste ano é que o persoal investigador do CINBIO contará coa oportunidade de participar no evento a través do concurso “Be innnovative”, actividade que forma parte do Plan de acción en transferencia de resultados de investigación do propio centro, para fomentar o emprendemento. As persoas gañadoras presentarán os seus proxectos de investigación ou transferencia nos ámbitos dos nanomateriais e a biomedicina ao longo dos dous días que dura o encontro.

“O evento está aberto a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas científicas”, subliña Liz-Marzán, quen engade que “será unha oportunidade única para compartir experiencias e proxectos cun contacto directo e relaxado, aberto a conversacións e discusións sen as barreiras habituais dos congresos”.

Para asistir ao congreso é necesaria a inscrición previa a través da páxina web do CINBIO, onde tamén estará dispoñible o programa completo.