GL EN

News

07 February 2025'Todas somos ciencia', un coloquio para reivindicar a diversidade de roles na investigación

O encontro, organizado polo CINBIO e a SEBBM, tivo lugar esta mañá no MARCO de Vigo

A ciencia é un gran crebacabezas no que cada persoa cumpre un papel esencial. Esta foi a idea principal transmitida polas protagonistas do coloquio Todas somos ciencia ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe da Ribeira e do Castro British International School que compartiu con elas este especial encontro en prol da diversidade na investigación organizado polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) e polo grupo de traballo ‘Mujer y ciencia’ da Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular (SEBBM) como preludio da conmemoración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

A investigadora do CINBIO María Mayán foi a encargada de dar benvida á rapazada

A investigadora do CINBIO María Mayán foi a encargada de dar a benvida aos asistentes subliñando ”a importancia de celebrar un día como o 11 de febreiro para visibilizar o traballo das mulleres que investigan  e das mulleres que desde a súa área de traballo contribúen ao avance da ciencia, porque a ciencia é un traballo en equipo”. Fíxoo nun acto de inauguración que tamén contou coa participación de Guadalupe Sabio, en representación da SEBBM, e coa presenza da concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso. “Sodes moi afortunadas e afortunados por estar tan preto dun centro de investigación como o CINBIO no que traballan científicas que son todo un referente”, sinalou a Concelleira.

A investigadora Guadalupe Sabio participou en representación da SEBBM

Dinamizado pola responsable de comunicación do CINBIO, Noel Queipo, e polo investigador Carlos Renero, ambos membros do Comité de RRI, Igualdade e Non Discriminación do mesmo centro, o evento reuniu diferentes perfís do ámbito científico que contribúen desde diversas perspectivas ao avance do coñecemento: desde científicas ata xestoras que coordinan recursos e proxectos, pasando por comunicadoras que achegan os descubrimentos científicos á sociedade. Así, Guadalupe Sabio, directora do Grupo de Interacciones Metabólicas  no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO); Noa Caramés, xestora do CINBIO; María Mayán, líder do grupo CellCOM do CINBIO; Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO e as investigadoras do grupo TeamNanoTech do mesmo centro,  Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, achegaron á rapazada a súa experiencia, subliñando que “o progreso na ciencia é froito dunha colaboración interdisciplinaria na que cada contribución, grande ou pequena, encaixa para completar o crebacabezas”. Divididas en dúas mesas, unha centrada nas súas traxectorias profesionais e outra no fomento das vocacións científicas, tamén deron voz ao alumnado asistente que participou activamente facendo preguntas ás protagonistas do evento e compartindo os seus soños e inquedanzas.

María Mayán, Guadalupe Sabio e Noa Caramés nun intres da primeira mesa do coloquio

Noel Queipo e Carlos Renero, membros do Comité de RRI

Margarita Vázquez, Guadalupe Sabio, Begoña Puértolas e Verónica Salgueiriño durante a segunda mesa

O encontro, promovido pola SEBBM e polo CINBO, centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER, forma parte do completo programa de actividades para conmemorar o 11F na UVigo, que continuará o vindeiro martes 11 cos clásicos obradoiros Elas Fan CienTec.