GL EN

News

30 October 2024Un estudo presenta un innovador deseño de lipoxeles que permiten unha liberación controlada e independente de múltiples fármacos quimioterapéuticos

Avanzar na eficacia terapéutica mediante a coadministración estratéxica de medicamentos de maneira secuencial representa unha estratexia prometedora. Porén, lograr unha liberación precisa e selectiva de axentes quimioterapéuticos continúa a ser un gran desafío na loita contra o cancro.  Un artigo publicado na revista Advanced Functional Materials recolle os resultados dun estudo que propón como solución a introdución de liposomas magnéticos e nanobarras de ouro recubertas de sílice mesoporosa en xeles formados por coensamblaxe de dehidropéptidos. O estudo, liderado por persoal investigador do grupo TeamNanoTech do CINBIO, presenta este sistema composto como unha sofisticada ferramenta para modular de xeito independente a liberación de doxorrubicina (presente nos liposomas magnéticos) e metotrexano (encapsulado na sílice mesoporosa), fármacos habitualmente empregados no tratamento do cancro.

Deseño de xel basado en coensamblaxe de dehidropéptidos para liberación ortogonal de doxorrubicina e metotrexato

Os efectos combinados da liberación secuencial de fármacos, mediante fototermia e  hipertermia magnética “melloran a eficacia terapéutica contra os cultivos de células cancerosas en 3D”, explica Miguel Correa, investigador principal do grupo TeamNanoTech e primeiro asinante deste artigo xunto con Margarita Vázquez González e Sérgio R. S. Veloso, ambos do mesmo grupo.  Os atributos deste xel inclúen características beneficiosas como a mellor biocompatibilidade, inxectabilidade,  xelificación rápida e a autocuración, ademais de propiedades mecánicas adecuadas para administración de fármacos.

Miguel Correa, investigador principal do artigo, xunto con Margarita Vázquez e Sérgio RS Veloso

Unha opción cun gran potencial para o desenvolvemento de novas aplicacións terapéuticas

A investigación abre novas vías para enfoques precisos e personalizados, representando un importante paso adiante na procura de terapias más efectivas e controladas. “En definitiva, cremos que se trata dunha opción cun gran potencial para o desenvolvemento de aplicacións terapéuticas, especialmente, no contexto da terapia do cancro”, sinala o equipo do CINBIO involucrado na investigación.

Xunto ao persoal investigador do CINBIO, asinan este estudo Carlos Spuch, Luis Freiría-Martínez, María Comís-Tuche, Marta Iglesias-Martínez-Almeida e Tania Rivera-Baltanás, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; ademais doutras científicas e científicos da Universidade do Minho e da Universidade de Aveiro.