GL EN

News

22 June 2023Un proxecto do CINBIO sobre dianas terapéuticas no cancro de páncreas acada unha Axuda Merck de Investigación

Liderado polo grupo de Inmunoloxía que dirixe a catedrática África González, acadou unha contía de 30.000 euros para un prazo de execución de dous anos.

O cancro de páncreas é na actualidade un dos cancros máis agresivos e con maior letalidade. Aínda que está asociado a un tumor relativamente pouco frecuente, na maioría dos casos este se atopa metastatizado cando é detectado, o que explica o seu mal pronóstico, sendo a segunda causa de morte relacionada con todo tipo de cancros.

Conscientes de que a loita contra esta doenza é unha prioridade a nivel global, o persoal investigador do grupo de Inmunoloxía, liderado pola catedrática da Universidade de Vigo, África González, e pertencente ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), propúxose buscar unha terapia eficaz contra este tipo de cancro a través do proxecto “Reprogramación metabólica y epigenética como dianas terapéuticas en el cáncer de páncreas: efecto antitumoral de terapias combinadas”, que vén de acadar unha Axuda Merck de Investigación na área de Investigación Clínica en Inmunoloxía-Oncoloxía.

Fotografía do grupo de Inmunoloxía nas instalacións do CINBIO


A contía da axuda concedida pola Fundación Merck Salud é de 30.000 euros cun prazo de dous anos para a execución do proxecto, que conta ademais coa colaboración da Dra. Susana Teijeira, do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; a Dra. Carmen Guerra, do CNIO (Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas); e os Dres. Ángel Rodríguez de Lera e Rosana Álvarez, do grupo de Química Orgánica (ORCHID) do CINBIO.

Sendo seleccionados entre un total de 26 proxectos presentados á mesma categoría das axudas, “sentímonos moi afortunados de que a Fundación Merck Salud confiase en nós e no potencial dun proxecto de investigación que busca acadar unha terapia efectiva fronte a cancro de páncreas”, afirma a catedrática África González.


Unha nova terapia para atacar ao cancro de páncreas

O proxecto de investigación pretende atacar ao cancro de páncreas mediante o emprego dunha nova combinación de terapias de maneira secuencial. Primeiro diminuíndo o estroma tumoral denso mediante unha tecnoloxía desenvolvida polo grupo de Inmunoloxía no seu laboratorio do CINBIO e da que xa teñen resultados previos, seguido de fármacos que afectan á epixenética do tumor. Deste xeito, “cremos que poderemos revertir a resistencia do tumor de páncreas e facelo tratable”, sinala González.
Por outra banda, o desenvolvemento de organoides (estruturas en tres dimensións con variedade de células que permiten simular o comportamiento do tumor orixinal) a partir de biopsias ou tumores de pacientes, “permitiranos probar combinacións de fármacos, favorecendo así a personalización do tratamento”, engade a líder do proxecto.

Fotografía de organoides tumorales de cancro de páncreas, realizada por Immacolata Maietta, do grupo de Inmunoloxía do CINBIO.

Segunda causa de morte relacionada con todo tipo de cancros


A pesar dos avances tanto cirúrxicos como de inmunoterapia e quimioterapia, a letalidade do cancro de páncreas non descendeu nos últimos trinta anos en comparación con outros tumores, tales como os de colon e mama. Sumado ao seu mal pronóstico, este tipo de tumor increméntase ademais de 0,5% a 1% por ano, converténdose na segunda causa de morte relacionada con todo tipo de cancros.
Segundo datos ofrecidos pola American Society of Clinical Oncology, para o 52% de persoas que reciben un diagnóstico despois de que o cancro diseminase a unha parte distante do corpo, a tasa de supervivencia relativa a cinco anos é do 3%. Se o cancro é detectado nunha etapa inicial, cando a extirpación cirúrxica do tumor é posible, a tasa de supervivencia relativa do cancro de páncreas a cinco anos é do 44%. Arredor do 12% das pérsoas reciben o diagnóstico neste estadio. Nos casos nos que o cancro se diseminou aos tecidos ou órganos circundantes, a tasa de supervivencia relativa a cinco anos é do 15%.

Podes ler a nova completa no DUVI.

A nova tamén se publicou nos seguintes medios de comunicación: